17/7/11

bicos equivocados

parada d@s peregrin@s-devot@s à mostra de teatro de Cee, LEANDRO

 Nas miñas buscas obsesivas de mundos paralelos apareceu Leandro un día e derrocou o absolutismo de Remedios Varo no meu maxín.
Penso que podería escribir algo sobre calquera dos seus cadros, ou  un poemario enteiro sobre algún deles.
Paso e repaso os seus lenzos e atopo a vida enteira neles, teño unha sensación semellante á que me provocan Olga Novo, Mofa e Befa ou Carmen Blanco, unha invasión de beleza e compromiso, unha identificación total e a sensación agradable de sentirme pequeniña e aprendiz para sempre.
Por eso lle pedín un cadro para ilustrar esta entrada, ó tempo que me decataba de que podería telo feito antes para a maior parte do que levo escrito. Graciñas, Leandro.
Por se non coñecedes as pinturas deste home, lígovos a porta de entrada ó seu universo: 



Ás veces damos bicos equivocados. Pola súa esencia accidental poden significar moitas cousas. Ás veces é só unha cuestión ergonómica, das estaturas dos bicantes ou da forma da cara. Pero normalmente teñen un significado auténtico e profundo, de cotío inconfesable.

Ás veces é tanto o afecto que se quere demostrar inconscientemente, que a formalidade do desprazamento lateralizado das cabezas non abonda, descontrolamos a posición dos nosos beizos e imos pousalos alí donde a cultura europea só establece un matematicamente unívoco significado sexual; soe ser unha circustancia incómoda para ambos, aínda máis se xente malpensante parasita darredor... pero nunca queda como un mal recordo. 

Tamén sei de bicos equivocados dobremente, nos que non só se equivoca a posición senón tamén o receptor/a. Se vos sucedeu algo así nalgún momento, facei memoria: o receptor real non andaba lonxe, poida que xa o tiverades bicado lateralmente xusto antes ou que fora o seguinte nunha rolda de saúdos formais; estes bicos dobremente equivocados teñen tódolos defectos: poida que o receptor físico non os merecera, poida que a incomodidade preveña ó noso cerebro de repetilos na rolda, poida que fora observado por terceiros ou polo receptor real.


Algunhes bicos equivocados danse en ex-parellas, pero estes bicos non merecen interese, probablemente sexan fruto da inercia da costume, a mesma monotonía na demostración física de afectos que acabou por separalos, e só lles dará incomodidade e a consciencia de que fixeron ben.

E hai bicos equivocados que non o son en absoluto ou non o son completamente. Ás veces pertencen a futuros amantes, retraídos ámbolos dous, que precisan comenza-la súa historia con urxencia irresoluble (e non pensedes que acontece só a adolescentes inexpertos). Ás veces son o único xeito de conseguir unha pausa nas circunstancias individuais que afastan sen remedio ós participantes, coma un cruce de camiños non necesariamente perpendiculares a noventa graos (esto quere dicir que nin os protagonistas están certos da casualidade ou a inconsciencia que se lle supón ó equívoco... porque igual xa levaban moito tempo pensándose). Este último bico descrito entristece moito nos días posteriores, pero convértese nun recordo marabilloso e nunha fabulación de camiños felices que nunca foron, desas que gardamos para evadirnos nos tempos difíciles. 


Entradas relacionadas:  
Apertas varias