21/4/11

Unha historia de dous que paseaban

faise noite na Lagoa



Ya me estoy acostumbrando
a verte y no saber
si creo lo que veo
o lo que creo ver.
¿Qué misterio insondable es
que no tenga cara amable
lo que amable fue?
No se abre
la puerta que es.
¿Por qué arde
si ya lo apagué?

"Claro que arde", Josele Santiago
do álbum Nada (Enemigos, 1999)

Levaba toda aquela semana desexando verte, contarche a historia do meu retorno á vida anterior e o porqué da fuga, presentarche á miña compañeira e dicirche cantas veces me lembraba de ti e canto te botaba de menos...

Apareciches diante de min abrazada a un envexoso monicreque mal fodido, que debeu quedar ben contento aquela noite de ser espectador de excepción do noso desencontro. Escudriñáchesme desafecta con aqueles ollos vidrosos das mesturas prohibidas, como preguntándote "quen carallo é este". Non sei ben que cara se me quedou, pero si sei que voltei á casa arrastrando os pés e dicindo "non pode ser". Aínda que trataba de excusar a túa reacción cos meus dez quilos menos e o peiteado tan pouco habitual que levaba, por dentro sabía que ti sempre me miraches ós ollos e que os meus ollos non cambiaran, que cambiaras ti e punto. Tamén puido ser efecto, a túa desmemoria, de todo canto evidentemente te meteras aquela noite... o que non me deixaba máis tranquilo. Imaxinei, uns días despois do trauma, que, aconsellada probablemente por algunha compañeira de profesión, desas que logo che buscaron choio ó outro lado do charco, decidiras soltar lastre. Seguramente che dixo: "tira as direccións e os teléfonos, quédate só coas amigas da infancia, coas compañeiras de traballo e coa familia, o resto non merece a pena"... e eu, que sempre estiven fóra dos teus esquemas, fóra quedei.


É curioso, sempre admirei o teu xeito de ver a vida e sempre me identifiquei coa túa maneira de vivila. En cambio naquel intre decateime de que tomaramos decisións ben distintas para un fin semellante: ti decidiras marchar e escoller mecanicamente a quen habías volver chamar cando vinheras pola casa e eu, que tamén decidira marchar, pensaba non esquecer nunca ás que me fixeran ben nos meus tempos da farándula. De toda aquela xentinha, ti eras unha das que máis quería e a que máis admiraba e, ti ben o sabes (agora igual non), coa única que tiven unha relación totalmente persoal sen mediar contratos nin intereses.
Lembro perfectamente a noite que te conhecín. Aínda eras máis guapa en persoa, tinhas uns ollos enormes que parecían fozarme na alma e aquela voz marabillosa que se sentía tremer... e conseguiches orientar a miña atención cara ti… e mira que eu andaba tolinho detrás daqueloutra muller misteriosa que parecía feita co vidro dunha botella de cervexa. Era unha bipolaridade ben difícil de solventar: quería "tirarme" aquela tremenda muller alí mesmo, riba da mesa e diante de todas se fose necesario... e, ó mesmo tempo, pasar toda a noite falando contigo. Ó final, como adoita suceder, nin unha cousa nin a outra, e acabei no Dous de Copas, aturando a unha tipa babosa e a súa urxencia por levarse algo para a cama do hotel.

Nos días seguintes, no medio da voráxine de artistas e periodistas adoecidas por sacar proveito, aínda de cando en vez me quedaba tempo para pensar escusas para chamarte que non daba atopado. Por fin, o último daqueles días tolos, conducín ata o aeroporto, esmagado de tanto axetreo e noites sen durmir, a todo gas e chovendo a chuzos, para enviar de volta aquela vexetariana prepotente que acabou papando nos chourizos criollos coma se fose a fin do mundo. Á miña amiga, a cabeza pensante daquela historia, deulle por parir unha última idea ilusionante ese día: facer unha parada en Compostela... mereciamos un vasinho de licor café logo da xeira que levaramos. Ben sabiamos que podía pasar, de feito non o falamos ela e eu pero, no fondo, queriamos atoparte. E alí estabas, aínda que non recordo moi ben aquel encontro (non me hei de escusar contigo dos esquecementos), sei que me fixo pensar que te había ter perto no futuro.


E remataron as escusas... xa non eran necesarias. Chamábasme cando vinhas a Lugo, chamábate cando ía a Compostela, sen necesidade nin explicación nin obriga. Gustábame como andabamos ti e máis eu. Sempre lembro choiva ou xeada contigo, coma se tódolos elementos fosen adversos agás nós os dous. En Compostela eras un pouco máis ceibe, podiamos ir ó cine (vénseme á cabeza cando fomos ver a última do Eastwood con aquel teu amigo encantador que me fixo acunhar a frase de "fala galego pijo") e andar polas ruelas sen que ninguén che pedira un autógrafo ou tomar algo nun bar sen temor a que unha cheas viñera dicirche "¡ey! tíiiiiiiia, yo a ti te conozco... eres... bueno, no me acuerdo de tu nombre, pero ¡eres de puta madre, tía!"


Sempre me custou ser espectador dos teus directos. Pouca xente sabe dos meus arrebatos de retraemento. Eu non sabía onde meterme cando me utilizabas como "recurso escénico". Estaba seguro de que dun momento a outro había suceder. Lembro unha madrugada de "pasarela", achegácheste a min, con aquela camisa de cores e o peito case ó descuberto, e eu, amedrentado ó verche a intención, cos nervios tirei o gintonic por riba, ti decatácheste e cambiaches o rumbo coma quen non quere a cousa e fuches cara outro do público. Logo, todo mollado e avergoñado, agardei por ti mentres te vestías. Como sinal de recuperación regaleiche un libro pouco despois, para contribuír ó espectáculo e para que souberas que para a próxima estaría disposto a participar.



Cando marchei estudar fóra, pensaba de cotío en ti, eras das poucas persoas que botaba de menos dos tempos de vida pública... suponho que era debido a que formabas parte da minha escasa vida privada. É curioso que a ti non che escribía, nin che enviaba postais, nin te chamaba (a verdade é que non chamaba a ninguén, dábame pereza marcar tantos números, sempre me trabucaba). Diante dos galegos da diáspora, se tiña que falar de ti facíao coma se non te coñecera, ou cambiaba o teu apelido polo nome da túa parroquia, como o tinha escrito na axenda por se a perdía. Nas vacacións de Nadal chameite ó pouco de chegar. Celebramos o noso Anovello particular o día trinta, para á noite seguinte facer cada unha o de sempre coas amigas de sempre. Vínhéchesme buscar á casa vestida "de incógnito", cun gorro ata as cellas e unha braga de pescozo ata as orellas... fíxome gracia verte así porque é ben sabido que as túas cellas chamizas e os teus ollos son o teu sinal de identidade, e eran o único que se che vía! Co teu disfraz, a néboa e os locais que fun escollendo para ti conseguimos intimidade suficiente para acabar falando de cans e gatos e pequenos. Non sabes canto me marcou aquela conversa zoo-ilóxica, aínda a emprego agora como exemplo das metáforas que todos cuspimos sen decatarnos da súa transcendencia no interlocutor. E non sei se foi a discrepancia dos animais, ou a miña dificultade naquel tempo para identificar os sinais que hoxe me parecen tan obvios pero, por gracia ou desgracia, non pasou nada cando te empenhaches en acompanharme ata a mesmísima porta da casa (agora non sei se fun estúpido ou foi unha sorte non caer nas redes do que non estaba seguro de querer caer). Logo no tren, falando cun amigo que nos conhecía a ambos, decateime de todo e arrepentinme mil veces, e pasei días a agardar a túa chamada que nunca chegou.



Pendant que le monde bavarde
A rien d'important
On pourrait dormir sous les arbres
Le reste du temps...
Francis Cabrel 

Volvín do meu tempo estranxeiro máis estranxeiro do que fun aló. Non tenho bos recordos do meu retorno. Os meus amigos da facultade estaban a intimar coa farlopa e outras substancias que a min me chamaban pouco e fun dar de fucinhos nunha rapaza guapísima... pero os seus ollísimos verdes non equilibraban o seu empenho por casarse e durou pouco aquel asunto. Ti marcharas á capital, e un día que vinheches a despedirte dunha amiga que murchaba antestempo, chamáchesme para quedar. Estabas esmagada. A vida da gran cidade esfarelábache a alma coma se tivese unllas en troques de ranhaceos. Non era o tempo aínda. Quedamos despois do funeral e aínda te vin peor. Case choro eu tamén, e ben sabes que é difícil que chore eu por cousas tráxicas, pero verte así, afundida, con aqueles ollos vermellos e minúsculos pola sal, partíame o corazón. Con todo o que pasou logo, cheguei á conclusión que te despediras aqueles días dela e máis tamén de ti. Agora coido que tamén de min.






Nunca máis volvemos quedar. Como pensaba que aínda seguías en Madrid, agardei unha nova visita. De cando en vez mandábache unha mensaxe ó móbil, de apoio, de agradecemento polos compromisos, de felicitacións polos éxitos... unha vez non contestaches e pareceume raro, e dalí a un tempo chameite e o número xa non existía.


Hei de reconhecer que, dentro do que a tele e os comentarios "maruxiles" mo permitiron, me esquecín un pouco de ti. Estiven inmerso na minha propia felicidade do retorno ó meu caminho, refacéndome e gozando da vida privada que, pouco a pouco, foi anulando á pública ata poder ir pola rúa sen que ninguén me mirase pensando de que cona me conhece. Agora cando vexo unha cámara ou un micrófono fuxo coma se vira ó demo.


Tenho un amigo que sempre me di que as cousas son como acaban. Eu négome a que os bos recordos e o carinho que lle tiven a alguén (sobre todo se co paso dos anos descubro que foi do pouco bo dos tempos malos) morra nun desencontro inexplicable. A pesares de todo, incluso do que eu mesmo pense dalgunhas das cousas que sei que fas ultimamente, sígote defendendo a capa e espada, e segues no meu "peto das esencias sen esquecemento" cos mesmos ollos e as mesmas mans do primeiro día.





O outro día funte ver. Como a cousa estaba fría, polo ben do espectáculo díxenlle á minha compañeira se se achegaba comigo ó escenario. Como ela é moi retraída e só vén por min a este tipo de faranduladas, pediume un trato: iría a cambio de que non me quedara a saudar como facía sempre. Aceptei sen dubidar. O que ela non sabía era que eu non tinha intención ningunha de quedar agardándovos.


Comprende que, logo daquela desafortunada noite, evite encontros desagradables. Poida que, agora que xa non te metes tanto e que eu recuperei a minha imaxe, se me ves por aí si te decates de quen son e do que nos estimamos en tempos... pero eu non estou disposto a comprobalo, prefiro gardar de ti o que... o que... o que a min me saia dos collóns... e xa está.


Por se algunha vez te anceio, inventei estes días unha vacina, que parece que está a ser efectiva de momento. Así que se me ves pasar sen dirixirche a palabra, ou dar a volta ó verte, ou ir de espectador a algunha das túas historias e non quedar a saudar, non mo tomes a mal. Non penso ponher en risco nunca máis ningún dos meus bos recordos. Iso si, se algún día queres roubarme a única mala lembranza que tenho de ti, doucha, non me serviu para aprender nada e está ocupando e estrando con lixo un espazo valioso que podería empregar noutros fines. 


É máis, mira, que che parece se a envolvo neste texto insulso, lle ponho unha cinta vermella e cha regalo?

26/10/10

Como unha leva


Despois de anos de investigación infructuosa, e dun libro literariamente coherente pero que quedou nunha simple introducción ó vocabulario auto-emotivo, por fin parín hai unhes meses un poema que se achega un pouco máis ás miñas pretensións do "todo autoemotivo" (forma e fondo). Non sei se foi casualidade ou o principio do camiño que andaba buscando, sexa como sexa este é o fío que pretendo seguir, espero que vos faga sentir algo.

Por respeto a Camilo G. Torres e á revista Xistral, na que apareceu por primeira vez fai unhes meses, tíveno gardado antes de publicalo na bitácora. Penso que xa pasou ese tempo prudencial e xa o podo compartir cos/as que non vos fixestes coa revista (aínda que vos aconsello que a busquedes), engadíndolle unhas versións en catalán e castelán máis que apuradas polas que pido perdón antes de nada, pero que me serven a min no meu estudio do catalán namentres non atope as clases regladas que busco.



Como unha leva
"An intellectual tortoise
Racing with your bullet train"
All because of you, U2


hai días que esperto excéntrica coma unha leva
que baila na súa árbore despreocupada da cadea que a fai xirar
sentíndose libre da correa que lle marca o ritmo

eses días vostede sorrí
é a imaxe bébeda do meu subconsciente
e a min non me aterra que me vexa bailar enfronte
que faga análise das miñas trazadas sen cronómetro

eses días que me movo sen acougo
lene e forte coma unha leva
eses días podería miralo a vostede ós ollos
podería permitirlle esculcarme dentro

foi vostede quen me mudou de man o reloxo
así é que teño a esquerda ceibe
para movela na espiral sempre aberta
así é que bailo na moto enfiando estradas ganduxadas
e todo ten sentido coma o xirar da leva
agora
coa man esquerda ceibe do tempo

vostede ensinoume a productividade dos arrebatos de ira
e Marcuse as pulsións
así eu trato de remexer todo eso nun peto
que levo comigo nas rutas retortas
na horta que quero sachar e medrar
como parire dun mal polvo unha preciosa liberdade
rectificable e perfecta coma unha leva


Com una lleva
"An intellectual tortoise
Racing with your bullet train"
All because of you, U2

hi ha dies que em desperto excèntrica com una lleva
que balla en el seu arbre despreocupada de la cadena que la fa girar
sentint-se lliure de la corretja que li marca el ritme

aquests dies vostè somriu
és la imatge embriaga del meu subconscient
i a mi no em dóna terror que em vegi ballar davant
que faci anàlisi de les meves traçades sense cronòmetre

aquests dies que em moc sense assossec
lleu i fort com una lleva
aquests dies podria mirar-ho a vostè als ulls
podria permetre-li aguaitar-me dins

va ser vostè qui em va canviar de mà el rellotge
així que tinc l'esquerra lliure
per moure-la en l'espiral sempre oberta
així és que ballo en la moto enfilant carreteres embastades
i tot té sentit com el girar de la lleva
ara
amb la mà esquerra lliure del temps

vostè em va ensenyar la productivitat dels arravataments d'ira
i Marcuse les pulsions
així jo tracte de batre tot això en una butxaca
que porto amb mi en les rutes retorçades
en l'horta que vull llaurar i créixer
com parir d'un mal polvo una preciosa llibertat
rectificable i perfecta com una lleva



Como una leva
"An intellectual tortoise
Racing with your bullet train"
All because of you, U2

hay días que me despierto excéntrica como una leva
que baila en su árbol despreocupada de la cadena que la hace girar
sintiéndose libre de la correa que le marca el ritmo

esos días usted sonríe
es la imagen ebria de mi subconsciente
y a mí no me aterroriza que me vea bailar enfrente
que haga análisis de mis trazadas sin cronómetro

esos días que me muevo sin sosiego
leve y fuerte como una leva
esos días podría mirarlo a usted a los ojos
podría permitirle acecharme dentro

fue usted quien me cambió de mano el reloj
así que tengo la izquierda libre
para moverla en la espiral siempre abierta
así es que bailo en la moto enhebrando carreteras hilvanadas
y todo tiene sentido como el girar de la leva
ahora
con la mano izquierda libre del tiempo

usted me enseñó la productividad de los arrebatos de ira
y Marcuse las pulsiones
así yo trato de batir todo eso en un bolsillo
que llevo conmigo en las rutas retorcidas
en la huerta que quiero amelgar y crecer
como parir de un mal polvo una preciosa libertad
rectificable y perfecta como una leva

19/7/10

apertas varias

Tiña esta entrada gardada e, como non teño ganas de falar de cousas desagradables máis actuais e que tamén teño pendentes, decidín publicala mentres a perspectiva do tempo non me dá unha visión máis optimista destes últimos meses.

Teño colgadas no taboleiro algunhas frases de optimismo consciente que me enviou o Benxamín xa hai tempo. Hai dous motivos polos que as imprimín e as colguei para ergue-la vista dos apuntes e velas xusto diante de min: un é obvio, o ben que me sentan, e o outro, que están escritas en catalá e así non esquezo o pouco que sei ata que por fin teña unhas clases decentes. Benxamín é unha especei de Tomás Meabe babélico, nos nosos encontros virtuais podo escribir na lingua que me pete, que el sempre a entende.
Hoxe déronme os ollos nunha frase que fala sobre as apertas: No deixis passar l'oportunitat d'abraçar en qualsevol moment i amb qualsevol excusa els qui estimes.

Argallando na cabeza, coas neuronas lúdicas que ceibo por momentos no tempo de estudio, e máis coas cardioneuronas (termo que acuñei con Luís estes días a conto doutra historia), decateime dun proceso recurrente nos momentos laborais de benvida ou despedida. Levo xa unhes cantos anos presentándome e despedíndome de centro en centro por Galicia adiante. Son unha chea de personalidades únicas nos seus momentos concretos interacionando coa miña propia no seu propio momento.

A pesar da miña expresividade, eu non son fisicamente afectiva. Quen me coñece sabe que só dou unha aperta cando me sae desde o fondo da alma e con extrema incontinencia (ou cando me obrigan, pero esas non contan), desto teño reflexionado moito coa Carmen Tirabicos.

Logo están os bicos. En principio os bicos semellan ser síntoma de máis intimidade que as apertas, por aquelo do contacto de partes máis sensibles e da posibilidade de rastros de babas... eso sen contar co perigo de que poidan ser dados ou recibidos en partes da cara que non estaban previstas. Pero hoxe son un rito estúpido, formalizado, un desprazamento lateral de cabezas, sincrónico e repetitivo... mágoa!

Decididamente, sinto que nunca lle dou a ninguén o que merece. Nas despedidas, recorro unha nube de xente descoñecida que me bica e á que bico nun proceso rítmico e baleiro; con sorte, no medio de todo ese ritual, igual hai alguén que daría ou recibiría un bico sentido, pero a inercia do propio protocolo impide esta posibilidade. Nalgunha ocasión marchei sen o bico de quen tería apertado de boa gana por tempo ilimitado, o tempo que nese intre penso que a cardioneurona correspondente precisa para graba-la sensación de calor do outro corpo.

Teño algunhas apertas que lembro e que espero non esquecer nunca. Unha delas, moi recente, disfruteina nun encontro casual cunha exalumna; non teño gardado o recordo dos ollos de Nerea polo bonitos que son, que tamén, senón por cómo saca a través deles todo o seu espírito, aquela aperta foi semellante á súa mirada, cálida e chea de vida. Outra aperta de fai miles de anos que espero gardar por outros miles, foi unha de Gonzalo en Ramón Ferreiro: viña desde lonxe, con toda a inmensidade dos seus brazos aberta, e sentín que xa me estaba apertando a tres metros; sen nin siquiera pecha-los ollos, podo velo vir hacia min agora mesmo coma daquela. A aperta máis extraña que recibín na miña vida foi a de Charly; supónse que era eu a que tiña que tocalo de cando en vez para dar crédito de telo enfronte, en cambio foi el, ó que sempre considerei superficial, distante e desafecto, o que me tocaba os brazos de cando en vez, como para saber que realmente eu estaba alí, e o que me apertou na despedida coma un neno perdido nun parque de atraccións.

Pero as apertas que máis lembro son as que non dei. Esas lévoas marcadas no lombo como latigazos das mans que nunca alí chegaron a tocar. Ás veces aperto cos ollos. Gustaríame saber que @s que aperto dese xeito sinten as mans dos meus ollos. Cando volvín ás Mercedes, logo de cinco anos dando voltas polo mundo adiante, temía o encontro cun par de persoas. Temía que se me escapasen as apertas, que alguén se sentira disciminado ou que os apertados se sentiran violentados pola miña mostra excesiva de cariño. Teño a sorte de ser fría, en xeral, nas miñas mostras de afecto, así que fixen un saúdo democrático e igualitario de bicos lateralizados... a igualdade nunca é equidade. Fun inxusta con todos e comigo mesma, e gardei aquelas apertas para momentos mellores que nunca chegaron xunto cun milleiro de agradecementos que nunca dei.

Fai unhes días, gardeime outro par de apertas, unha heina dar fixo, sexa como sexa, porque ten que ser e ha ser... a outra... non sei, non sei, igual despois das miñas mostras de frialdade non queira ser recibida. Perdón a ambos polo meu distanciamento, sabedes os meus motivos e sabedes que non é real.

Espero, como os católicos agardan o seu Xuízo Final, o meu momento da Xustiza Afectiva, sexa con bicos, con apertas ou de palabra. Aqueles que me tedes por unha persoa sincera e extrovertida, que saibades que estades equivocados e que, tristemente, me gardo moitas apertas que terían que ser dadas.

20/4/10

os mantras da Viviana



Vaia, ho, por algún lado tiña que saír o asunto...

Unha das cousas que máis pracer me producen, como boa atlántica que son, é comer. E se como na casa de meus pais un domingo a contos e viño, aínda máis. O caso é que antonte, xantando, tiven unha dor horrible na xunta da mandíbula. Non podía comer, nin case falar. Tomei un analxésico e deiteime, pero nada, pola tarde volvía estar aí. Hoxe fun ó médico. Aí non hai nada. Díxome que era unha contractura e que só me podía dar relaxantes musculares que me ían dar sono... e eu apureime a soltar un non rotundo. Creo que se decatou inmediatamente sen que eu lle tivera que explicar máis e díxome con ton ameazante: pois vaite relaxando.


Hai dous motivos para a miña contractura. Unha é a contención verbal e outra a cara de mala hostia que se me queda por mor dela. Obviamente o meu rictus facial está variado. Supoño que eso afecta a tódolos músculos da cabeza. Eu non son persoa de gargallar, de feito non creo que haxa xente que lembre o son do meu riso, pero sempre sorrío. Faime ben a min e, polo que me teñen dito, á xente que me cruzo pola rúa ou polos corredores.


Ese mesmo día pola noite, apareceron Abel e Viviana pola casa de meus pais e quedaron a cear. Viviana é unha medicina que debería cubri-la Seguridade Social. O único que ten que facer é estar. A súa sinceridade absoluta ten o don de curar. Na súa conversa, as traxedias e os pecados máis inconfesables do ser humano adquiren un tinte de cantiga de escarnio da maior calidade literaria e filosófica que teña visto. Moitas das súas frases quedan na nosa memoria coma unha especie de rosario liberador. Son coma mantras, provocan imaxes mentais traxicómicas ó tempo que se reproducen as súas palabras na boca de calquera. Se digo "carracho peideiro" ou "xa o di a palabra: un porco é un cocho", por poñer un par de exemplos, río a esgalla... e de paso sírveme para lembra-lo son do meu riso. Cando repito un dos seus mantras mentalmente, parece que non hai nada no mundo que poida mancarme... igual debería cambia-lo Símbolo Puig polo Símbolo Viviana e levar algo seu no peto que me manque, en lugar do reloxo na dereita, para lembrame.


O domingo pola noite, no medio dunha gargallada colectiva a conto dun conto da Viviana, meu pai soltou: "mira, xa non lle doe nin pra rirse". Meu pai ten o don (ou a desgracia) da hiperconsciencia. Efectivamente, abrín a boca unhas cantas veces para emitir un par de risotadas guturais, desas que suben á cabeza desde o dedo gordo do pé esquerdo, e alivióseme a dor. Non hai pílula, inxección ou supositorio máis efectivo que Viviana.


Estiano, para as opos, tocábame facer unha camiseta de JJCobas (cada ano fago unha). Pero igual a fago cunha frase da Viviana. Heino pensar detidamente. Polo ben da miña saúde e a paciencia dos que teño darredor.


31/3/10

a neurona Heathcliff

portada de Rubén Toledo para Penguin Books

O meu optimismo habitual ás veces ofende, a miña confianza no xénero humano asustaría ó mesmísimo Rousseau. Pero de cando en vez, cada dous ou tres anos, unha neurona misántropa espértaseme, coma un oso que hibernou ata marzo e se ergue con fame e celo (ía poñer "ganas de foder" insinuando a súa acepción non sexual pero... vaia, ho, xa se me escapou, perdoa Curra).

Eu normalmente non me calo nada. Normalmente vaime ben así. E normalmente, aínda que quixera, non podería controlalo. Pero no estado anormal no que me atopo desde hai xa demasiados días teño que calar. Habitualmente digo o que penso sen pensar o que digo, porque cando falo con calquera, o meu único pensamento constante é que do outro lado hai unha persoa igual a min: a mellor mostra de respecto é a sinceridade absoluta. A miña inconsciencia, desconcentración ou lentitude de reflexos, protéxeme enormemente porque cando observo algunha inxustiza a miña lingua bótase a pacer como unha ovella recén parida... así que, ó decatarme tarde... Marica non chores, e xa pasou. As veces que me decato no momento, a miña ira descontrolada pero benintencionada, pode agredir nunhes minutos, pero acostuma a non facer mal irreparable. Así que estou contenta das aparicións en escea da miña cólera bempensante e constructiva.

O problema é cando a miña neurona misántropa esperta. Entonces estou máis silenciosa que de costume. Calo e gardo a carraxe contra o xénero humano nun saqueto mal zurcido. Como non me vexo con dereito a queixarme, por me sentir xuíz e parte, calo. As miñas cellas xúntanse perigosamente e renace un rego que teño no entrecello desde hai case dez anos. Eu chámolle a enruga do Corto-Conto, porque naceu no último festival que organicei, e téñolle moito cariño porque me lembra a dónde non quero volver (pregúntome se o botox que desfigura as faces dos actores lles desfigurará tamén a memoria... probablemente non, a pesar do que poida parecer no resultado inexpresivo e bobalicón que se observa).

Nestes momentos de hiperconsciencia, poño as gafas, boto os pelos para adiante e procuro non mirar ós ollos máis que o inevitable. Sei que ofendería moito a miña mirada. Procuro que o meu cerebro se vaia na bicicleta de Dalí buscar laranxas, pero ese camiño anestésico non sirve estes días e parece que só me consola un pouco unha vella imaxe reconstruída do Jairo segando e eu rozando antes de toma-lo vermú con meus pais e un longuísimo café de contos e risas coa Mónica (a felicidade é cousa sinxela, non sei por qué lle damos tantas voltas).

Nestes tempos breves (espero) a pesares de que a carraxe me quenta continuamente o estómago, sinto un frío horrible nos ósos. É como se toda a miña natureza mudase, esa misantropía noxenta e anoxada apodérase non só da miña cabeza senón tamén do meu corpo todo... ata tal punto é así que onte pola noite vinme buscando un xersei no armario (o último xersei que tiven deillo a miña mai xa hai anos).

Non soporto a mentira. E os ocultamentos para min son un tipo de mentira máis. Non soporto a mentira allea, pero a que máis me molesta é a miña propia. Non sei se é un trauma infantil, ou unha invasión de estupidez cerebral, pero ocultar ou mentir baixo consciencia, desconfianza ou medo, provócame a sensación de que se me revolven as células. Cando me vexo enganada ou, aínda peor, cando me vexo obrigada a calar (que era eso que non lle entendía de pequena ó cura: "omisión") sinto como murchan as miñas células como esas poucas xentes que morren de acabamento sen ter sentido a vida en ningún momento. Sei que o teño que facer, porque ás veces hai cousas inevitables ou tan alleas que só acoitelan de esguello e nas que co tempo aprendemos que non debemos interferir.

É incrible, nestes días misántropos, cánta infelicidade autoinducida son capaz de ver, cántas maquinacións esperpéticas e folletinescas que asombrarían á Brönte observo na punta do iceberg das palabras alleas. Por eso estes días escollín, de entre as miñas relecturas (Alfonso enfadaríase co seu cálculo de grandes obras e días por vivir), un Heathcliff cruel e atravesado. Se noutrora puiden entende-lo seu comportamento, poida que hoxe tamén o consiga e o distanciamento provoque que a miña neurona misántropa volva durmir outros poucos anos.

Nestas circunstancias só me queda illarme na medida do posible, ler moito e cear pouco para que o estómago non lle negue ó cansancio o dereito a anula-los ataques inútiles dos remordementos nocturnos e a carraxe. Agárrome como podo ó señor Puig, ó lume da cociña de meus pais e a un cocemento de herbas de hipérico que, por sorte, xa esquecera cómo preparar.

17/1/10

Luís Villares Naveira: non teño nada que engadir


Tomaivos unhes minutos e escoitai a Luís Villares Naveira.


Detrás das súas palabras non hai nin unha intención política, nin unha manipulación ideolóxica, nin unha controversia electoralista.

Non é máis que un xuíz que se ve na obriga de lembra-la Constitución e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Ante esto, non hai nada que discutir, nin que engadir... non sendo que se pretenda reformar calquera destes dous documentos (o cal, por outros motivos, non interesaría en absoluto ós que pretenden atentar contra a Costitución).

Virán unhes meses de confrontacións estúpidas, manipulacións políticas e posicionamentos radicais dun bando ou doutro, raiando máis coa paixón futboleira e a fe relixiosa que coa reflexión e a lóxica. Agora mesmo vou buscar o exemplar da Constitución que me regalaron por ter nacido no 78 para levalo no bolso, e a quen me pregunte polo meu "posicionamento" ensinareillo. Nada máis... e nada menos.














Pdt.: Agora si teño algo que dicir


Non vou publicar o comunicado que a Consellería nos enviou, eso déixollelo ós sindicatos que, imaxino, tomarán as medidas oportunas ante unha misiva semellante no día antes de un paro convocado (lémbrame moito a algo que sucedeu fai unhes anos e gustaríame que houbera unha resposta democrática e aleccionante coma a que houbo daquela). Pero o que si podo publicar, facendo honor ós meus dereitos e liberdades é a miña resposta que supoño, non será lida (pero é que o correo que a Xunta puxo a disposión pública para alegacións ó borrador seica está colapsado!!)

Estimad@s Srs.:

En primeiro lugar, necesito dicirlles que este comunicado tiña que ter chegado xa hai días, dado que @s docentes fomos @s últim@s en recibilo e, coido, estamos directamente afectad@s. En cambio, paréceme que facer chegar ás nosas mans o borrador hoxe 20 de xaneiro, víspera dun paro legalmente convocado, é pouco menos que sospeitosamente coercitivo. Se o motivo de enviarnos hoxe o borrador é que vostedes pensan que imos ir a un paro laboral sen coñecemento dos motivos... permítanme dicirlles que é claramente insultante.

Por sorte, xa moit@s de nós nos fixemos con el hai tempo, xa o lemos e xa o comentamos.

En canto á constitucionalidade do borrador á que aluden no seu comunicado, discrepo radicalmente. Espero que estean vostedes convenientemente aconsellados por xuristas competentes para defender que a libre escolla de nais e pais da lingua na que han recibi-l@s alumn@s o ensino obrigatorio non atenta contra os artigos 9, 10 e 14 da Constitución, nin contra o artigo 2 da Declaración dos Dereitos Humanos, nin contra o artigo 8 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

En Galicia, o plurilingüismo xa existe, desde fai séculos, de feito, desgraciadamente tintado ata aínda hoxe dunha triste e degradante diglosia, que, segundo tódolos documentos anteditos, debe ser combatida por tódolos medios posibles, polas institucións públicas, particularmente as educativas.

En canto á aprendizaxe de linguas estranxeiras:
Primeiro, toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral recoñece as carencias no coñecemento de linguas estranxeiras.
Segundo, en ningún caso debe considerarse no ensino obrigatorio ás linguas estranxeiras ó mesmo nivel que as linguas oficiais.
Terceiro, a insistencia do borrador na importancia da lingua inglesa é empobrecedora, simplista e, atrévome a dicir, favorable á colonización lingüística e cultural.
Cuarto, en ningún caso se fai alusión á posibilidade da aprendizaxe de ningunha das outras linguas do estado, que contribuiría á cohesión e intercambio dentro deste.
Quinto, o profesorado si está preparado para incluír linguas estranxeiras nas súas programacións, un exemplo clarísimo somos @s profesores de FP, que convivimos a diario e con toda naturalidade con un vocabulario técnico en linguas diversas.

Espero que estes apuntamentos contribúan nese "proceso ilusionante que principiamos agora" ó que vostedes aluden.

Agradezo de antemán a súa atención e agardo que a xornada de mañá se desenvolva coa normalidade que a democracia esixe (Capítulo II da Constitución vixente).