Estou case certa de que algunhes individuos teñen unha vida diaria oculta. Compartimos con eles o traballo, algunha afición ou vémolos atravesa-la estrada os domingos para ir á misa. Eu penso que hai algunha xente que, cando non a vemos, abre unha portiña nunha columna e atravésaa cara un universo paralelo, ou que, cando nos damos a volta se transforma nunha avelaíña e sae voando. Tamén hai xente que non vemos nunca de costas porque se viraran habiámoslles descubrir un circuíto integrado no lombo e unha chea de cables saíndolles do cu (ou o pau dunha escoba)... pero esa xente a min non me interesa.
O outro día decateime de que Víctor Mosqueira non é de verdade, quero dicir, non é exactamente humano. Eu coido que vive no curuto dun carballo e que durme de pé. Poida que sexa un trasgo, aínda que eu penso que é máis ben un home-gato, pero desas cousas non sei moito. Probablemente, dentro do carballo ten fendidas unha chea de estanterías nas que xa non caben máis libros vellos, deses que cando os abres saen personaxes coloridos de tempos que nunca foron a contarche contos de tempos que han de vir. Cando está ben o mar, o Vítor sae á noitiña nunha barca vella de madeira e volve todo cheo de area e con sardiñas para a cea, que ata nun feixe con cordón de esparto para agatuñar polo carballo arriba.
Hombre-Gato, Remedios Varo
Evaristo Calvo entra á súa casa polos espellos dos cuartos de baño. Se un día vas tomar unha copa con el e desaparece, non te preocupes, marchou pola súa porta segreda. O Evaristo, pola casa, anda cunhas zocas vermellas e enormes que lle obrigan a dar zancadas, por eso ten un corredor longuísimo, que atravesa mentres pensa en voz alta. O Evaristo ten que vivir así porque se vivira nunha comunidade de veciños, os xordos habían chamar á policía polo tremer da súa voz e os que saben oír habían andar por aí facendo as revolucións que lle escoitaron de madrugada. O Evaristo ten unha caixa redonda e azul donde vai metendo as cousas que o indignan nunha especie de lama moi húmida. Cando hai que "parir" unha obra nova, saca cachiños desa lama e déixaa secar ó sol un pouco (porque no espello do Evaristo sempre hai moita luz do sol), logo amasa nela ata que case non se recoñecen as indignidades, amasa e amasa e fai figuriñas redondiñas e pequenas que leva na gorxa cando sae ó mundo polos espellos.
O Capitán de Evaristo Calvo en Commedia: un xoguete para Goldoni,
adaptada por Cándido Pazó e adoptada por Ollomoltranvía
Hai unhes días que me deu por estar contenta e por rir sen motivo... tomei conciencia onte cando viñamos no coche para Pontevedra e me dixo o Jairo: "bebiches?". Parece, en efecto, que estou bébeda. O Vítor anda con moito ollo de sacudirse ben da pel a area máxica que o cobre mentres está no seu carballo. Pero o outro día esquencéuselle cambia-los zapatos e poñe-los que ten de andar polo mundo. Cando iamos entrar díxenlle a Abel que collera sitio na "zona de babas" (centro de calquera das primeiras filas) e só quedaba para os catro na primeira, e o escenario estaba moi preto e moi alto. Cando Mofa e Befa empezaron a dar golpes de tacón dun lado ó outro do escenario, saltoume unha area ó ollo. Notei unha molestia no lacrimal e bebín un grolo de cervexa (que é coma quen lle pica a cabeza e rasca o cu), supoño que me anestesiou. Se choras de risa, a area non sae, así que vou estar coa areíña aí metida ata que chore de tristura; tendo en conta a miña pouca tendencia e a miña pouca intención, coido que ha estar ben tempo... ogallá sexa o tempo necesario como para volver atopalos e volver te-la sorte de que me salpiquen outra vez.
Na primavera irascible, Mofa e Befa son para min coma unha inxección fresca do outono. Paso calor mentres me escarallo de risa na butaca e analizo cada movemento e cada palabra deles por enésima vez... pero logo quedo fresquiña e esperta coma se fora novembro. Esta primavera quixéronme visitar vellos fantasmas. De feito, a pouco máis e marcho de Pontevea sen saudar (sorte que o Jairo tiña fame e volvemos para a carpa), porque os fantasmas puñeteros non me deixan facer o que me pide o corpo. Estes días o cristal de area do Vítor tápame a vista cara eles e parece coma se xa non estiveran. Igual marcharon, pero se lles dera por volver, seguro que me ría deles, porque, xa vos dixen, estes días río de todo e ata do que non hai.
Todo o inverno, Evaristo véuseme moito á cabeza. A culpa foi da "Memòria dels Cargols", unha serie que Dagoll Dagom fixo hai anos para a TV3 que vín pola rede para estudiar catalán. Alí descubrín a Carles Martínez, o doble catalán do Evaristo. Coa pronuncia do Carles Martínez era capaz de distinguir un "C" dun "Ç", así que transcribín tódolos seus diálogos nos Cargols para mellora-la escoita. Agora lévome para Catalunya unha lista de obras do Carles que estarán en cartel cando chegue porque, como o Evaristo, o Carles é "teatralmente promiscuo", é dicir, deses que adoitan triplica-la calidade das obras que fan, o que fai que o busquen como garantía de éxito. E foi tamén por culpa desa semellanza no uso da voz, pola que dei en barallar na cabeza coa idea dos Cargols galegos (coas miñas pallas mentais fago o que me dá a gana, evidentemente, aínda que os tempos políticos non estean para lerias coa Historia).
Gústame moito esa xente que me excita a imaxinación, e aínda máis esa que monta pontes de bimbio doce dunhes temas a outros coma se todo estivese vencellado, coma se todo fose parte dun un; tamén me gusta rir con trasfondo (a ironía, a retranca, o escarnio). Se as tres cousas veñen xuntas pasa o que pasa, que unha semana de máis no Eixo Atlántico é un regalo, que me decato e que o aproveito. Contai as veces que rides esta semana, se coidades que son insuficientes en calidade ou en cantidade... Mofa e Befa.
Para @s alumn@s do Paz Andrade (xa sabedes, o 5 de novembro en Padrón):
4 comentaris:
Moi bo Lupe a verdade e que non sei de donde sacas o tempo despois das clases para escribir todo esto pero moi guay un saudo
MARVIN un alumno
A verdade é que desde que empezaron as clases non publiquei nada na bitácora,supoño que en todo o curso algún día me hei poder parar a facelo.
obrigada!
Non sei se che deixaremos a cabeza con moitas ganas de poñerte con esto por que somos moi cerrados de moyera, bueno a ver si despois sigo mirando mais esto que agora teño que facer os exercicios de scar jajajajaja un saudo deica
Encántame o teu blog, Lupe.... O nome de todos eles! Etas cousas dinse antes de maio aínda que espero segir gozando da túa presenza os vindeiros anos...É un luxo que se acrecenta día a día
Publica un comentari a l'entrada