10/10/07

Indicado, Preciso e doña Constatación fundan o C.N.O.


Mirta pediume que lle buscara á sogra en Mallorca… son os bucles do destino. Tócame facelo, como a cadea de favores, como agradecemento ás voltas da vida, xa só falta que sexa parente de Toni! Agora podo dicir que o Indicado e o Preciso sempre acaban por chegar. O Lugar Indicado no Momento Preciso.

Non llo preguntei, pero seguro que Gonzalo non lembra o día que chegou cantando á clase “quieres helado de fresa o prefieres que te pida ya el café”. Pero eu si. Daquela eu xa era consciente de que os días estaban contados… e aínda non sabía que habería cafés despois durante anos. Cafés da química conversativa agrícola. Así que cada vez que entraba na aula, para min era unha hora menos, e degustaba cada frase como aquela mazá asada de Fifí no Calma Chicha, lenta e atenta, con aquela posición de parrilla de saída e bandeira a punto que tiña no insti (porque non chegaba cos pés ó chan), que só me faltaba o casco e o puño do acelerador.

O caso é que o outro día non puiden disfrutar do concerto todo o que me tería gustado, por motivos que non veñen a conto (supoño que a consciencia de que xa son “las cuatro y diez” e que non o dou asumido tivo algo que ver) pero viñeron Indicado e Preciso a dicirme que alí estaban para o que quixera. Levo ben tempo sen rezar. E decateime de que estaba rezando todo o tempo en certo modo, en canto o vin a uns poucos metros. E introducín unha nova conta no meu rosario ateo:

P.: Agora que está aquí

R.: Las cuatro y diez

Eu non o quería molestar naquel espacio “aut-ista”, pero Indicado e Preciso, collérono polas orellas e achegárono a min segundos antes da canción desexada. De súpeto púxenme tesa como un garabullo recitando entre dentes a letra (cada un ten o seu himno), botándoa fóra para que non me ardera dentro (que xa se sabe que cando os ollos ventan lume no estómago, fan saltar a extinción automática por aspersión… e eso queda moi mal en público). Pensei en agarralo polo ombro e facer un vaivén acompasado deses de farra, pero non tiña eu farra dentro precisamente. Así que seguín co meu recital silencioso botando contas do mal que se me da esto da madurez, e de que agora que quitei as ferraxes dos dentes me decato do pouco que amoso xa o sorriso (Jana, sinto que esta entrada non sexa optimista, pero estatisticamente é unha excepción), e de que cada un ten o seu tempo, e imaxinándome a Indicado e Preciso tomándolle o pelo á señora doña Constatación de la Realidad (porque Indicado e Preciso son unhes cachondos, e doña Constatación está algo senil e non ten ganas de leria).

O caso é que Aute dixera que a lúa lle mostrara excepcionalmente a súa cara oculta ó Giraluna por tres motivos:

1, porque tivera fe

2, porque fora constante

3, porque non perdera a ilusión


Así que… que carallo! aínda hai quen pensa que se pode seguir sendo e sobrevivir entre os lobos desilusionados e desilusionantes ó mesmo tempo. Xa estou farta de pseudoresponsabilidades tristes e de caras largas e de que os lobos traten de arrastrarme ás súas autocompasións e autoxustificacións da inercia, e da sensación permanente de que son “las cuatro y diez”. Propoño un C.N.O. (ó estilo do Centro Neurálxico de Operacións de Tito Puig) en contra de nada e a favor dos seres ilusionantes que andan sen Norte no medio dos lobos. Alguén se apunta?