23/10/07

sms urxente: estrada libre

Estrada, Paula Leira


Setembro a piques de rematar era duro e triste, por motivos que agora non veñen a conto, os días foron pasando baleiros e alleos, na espera dun Sanfro de químicas conversativas da rebusca e reencontros, un outono de libros e a ilusión dunha chamada Cantábrica (cántabra tampouco estaría mal... pero hai anos que perdín esa esperanza). Quen me ía dicir a min que había atopar tantos azos nunha pequena fuxida á que me enfrontei, en principio, con certo escepticismo, ou máis ben medo, medo a que na miña cabeza rebumbiaran as comparacións e medo a sentirme fóra de lugar e medo a botar de menos.

Encántame que a vida me sorprenda con agasallos humildes. En catro días esmaguei o corpo e rehabilitei a alma... ata tal punto que non cría nada do que sentía, que me daba vergoña incluso dicírllelo ou compartilo. Ás veces non sabes quén ha se-lo novo mensaxeiro. Coñecín a Rubén Pombo a cegas, telefoneoume para facer un recital, logo volveume chamar para esta historia, que aceptei, máis que nada, para restaurar o meu “eu poético”. Ademáis arrecendía a fresco, a libre, a rompedor... pero non esperaba que me fose facer bulir algo por dentro en catro días de convivencia. Víñenme para a casa cunha rosa de papel na man e un cadro de estrada senlleira... e a sensación de revivir do verán aborrecido e desaproveitado que nin Quincón, nin as présas, nin as consciencias de desamor deron resucitado aqueles días, pero cunha chea de nomes novos que non me custou nada aprender (algún incluso xa me estaba golpeando dentro antes de aprendelo).

Así, pouco a pouco, entre escea e escea, entre ensaio e ensaio, fóronse sucedendo pequenos encontros. Con Jana foi moi fácil, aproveitabamos calquera tempo morto para “saír a respirar” e volviamos xuntas para a casa, todo o demais foi fluíndo nas conversas e, como xa sabedes @s que me coñecedes de hai tempo, nos exercicios de motivación que forzo cando vexo a alguén con tanto talento como complexos artísticos.

Brian seguiu o camiño que eu rexeitei… falar con el foi como falar cunha lupe de hai dez anos, pero viva e activa. A verdade é que no treito de paseo por San Cibrao, Brian creoume un universo paralelo, un camiño de quita e pon como o de Aaaluap. Respondeume á pregunta “que tería sido de ti se…?” E gustoume a resposta. Gustoume moito a resposta. Sorte, Brian, non desistas!

Carmen venceume cunha química sen palabras, con esas casualidades extranas que fan escintilea-los ollos, e a facilidade nas apertas (que, ben sabedes, a min tanto me custan).

David volvéuseme un amante-referente, loitou contra tódolos jándicas: o da lingua, o do alleo, o do medo a un asalto de timidez inoportuna, para acompañar libremente á súa compañeira libre... e facerse un máis do nós que creamos sen decatarnos.

Cos Mourontes (e digo tres, Javier incluído) revivín aquelo de cando se che agolpan as ideas para compartir, porque sabes que o interlocutor levaba toda a vida no teu camiño e non entendes cómo non o atoparas antes... algo así como xuntarte cun vello amigo que levas anos sen ver.

Paula sementouse en Aaaluap. E eu non paraba de facerlle películas, cadros e fotos na miña cabeza. Non o podo explicar. Nunca vira tanta vida xunta. Tanta complexidade expresada dun xeito tan sinxelo. Estou marabillada e impresionada. Paula é como mirar por un buratiño e ver o universo enteiro. Xa non digo máis. Só que a súa rosa de servilleta granate pende agora dunha fada (que se lle parece sospeitosamente) no moble da nosa sala literario-científica, centro neurálxico do Centro Neurálxico.

E a outra Paula… Paula Leira. Eu non entendo nada de Pintura. Pero podo dicir que teño certos coñecementos de Imaxinación, asignatura transversal das artes e os oficios. Vin aquel cadro e namoreime. Inmediatamente. Por Mímese e por Metese, e por Parousía tamén, qué coño, aínda que só fose nos meus desexos. Unha estrada baleira, libre, que me lembraba os momentos de agobio do último ano, cando ía no coche, os atascos, Alanis berrándome we're never gonna survive unless we get a little crazy e de súpeto víame sorteando o tráfico, adiantándome a min mesma cunha magnífica Fireblade e o casco do Sr. Puig na cabeza, como o símbolo dunha Ave Fénix, abríndose paso, áxil, cara unha estrada aberta lonxe dos asubíos estériles da inercia.

A estrada de Paula é o símbolo do que atopei no museo, a estrada aberta para empezar a escribir trazadas libres.

3 comentaris:

Anònim ha dit...

Aaaaaaaiiiii!! Cando se entere Javier co chamaches Mouronte... ha ha ha.

Unknown ha dit...

que sorpresa!!!
Son Paula Leira, nn cntaba con volver ver ese cuadro!
un placer volver coincidir contigo.
un biquiño grande!

lupe ha dit...

Pois ogallá mo teñas que pedir pronto para una expo!! Sigo enamorada del, ata tal punto que, agora que teño que vivir en Ribeira, me levei unha foto para telo comigo! A túa estrada sérveme para non esquencer algún dos meus soños infantiles.
Por certo, non tes unha páxina donde colga-los teus cadros? A min gustaríame moito ir vendo o que vas pintando, e penso que non son a única.
vikos moitos