28/1/15

paixonal



Reivindico para nosa lingua a palabra paixonal (ou paixoal, iso xa non é cousa minha). No catalán distinguen passional de apassionado, no francés, passionnel de passionnée, no italiano, passionale de appassionato, nós empregamos apaixonado para todo ou castelanizamos e pista. Witgenstein e o Manquinha de Airbag estarían moi enfadados... eu concordo con eles.

Hai unhes días contáballe ó Jairo como o Avuelo vía caer o sol desde a fiestra da cocinha case a diario, ás veces desde o banco, ás veces tras do vertedeiro. Que pasaría pola cabeza dunha persoa tan activa como el era nunha situación tan estática e monótona, aburriríase neses intres? Probablemente non, probablemente a súa cabeza estaba na aira desenhando outro aparello, tomando medidas dos casetos, temperando o ferro na forxa, contando regos ou os chantos das fincas que había invadir a autovía.

Tratastes algunha vez de entreter a unha persoa desas que se chama a si mesma "apaixonada"? Nunca actúes para ela, nunca trates de divertila... é esgotador! Está aburríndose constantemente.

Unha persoa apaixonada é aquela que goza e sufre con intensidade. Para unha persoa apaixonada non hai momento pequeno, tódalas experiencias serán grandes experiencias e se están nunha situación adversa ás paixóns, voarán ó seu mundo a componher nas súas cousas. Unha persoa paixonal busca constantemente grandes momentos, e todos se lle han queda pequenos; a comedia e o pracer sonlle sempre insuficientes, calquera percance vital propio será unha gran traxedia chea de choros públicos e altas voces. 


Curiosamente, unha persoa apaixonada nunca se considerará coma tal: sempre está a vivir intensamente e non lle dá tempo a andar bautizando os seus sentimentos ou comportamentos. Pola contra, as persoas paixonais sempre se definirán a si mesmas como apaixonadas (soa mellor), as súas bocas están inzadas de grandes palabras sobre os sentimentos propios, que sempre identificarán extrema e inequivocamente (adoitan sentir odio absoluto por quen antes declararon amor eterno).

Os feitos que contamos das persoas apaixonadas son sorprendentes: da quen nunca fala contamos o día que nos ofreceu a máis profunda das conversas e da falangueira aquel día que nos mirou ós ollos en silencio e nos inundou do seu universo. As persoas paixonais pretenden que interpretemos constantemente as súas miradas... de aí que consideren insensible ó resto da xente.

Sabemos de persoas apaixonadas que mentres vivían a peor das súas traxedias persoais pintaron o seu cadro máis fermoso ou escribiron o máis sinxelo, profundo e perfecto dos seus poemas. Unha persoa paixonal convirte en traxedia tódolos pequenos atrancos da vida... e ai de ti se chegas sorrindo ese día! Desalmada!


http://img.radio.cz/pictures/hudebnici/mahler_gustav5a.jpg 
Mahler compuxo a maior parte da súa Primeira Sinfonía o ano no que seu pai, súa mai e súa irmá morreron.

As persoas apaixonadas tiran por Vivaldi ou Star Trek, ás persoas paixonais chístalles máis Cristal... Wagner, pode ser, que fai moito rebumbio (mellor Camela, que fai rebumbio tamén e xa cho explica todo).

Unha persoa apaixonada nunca se aburre, unha persoa paixonal nunca se entretén, que era ó que ía, e esforzarase por que o seu estado de ánimo sexa universal. Pobre de ti que non o pases pipa nunha nunha festa que organizou o teu colega paixonal, e moito menos que non te vexa chorar nun funeral! De tódolos xeitos, conségueno: igual na festa acabas rindo coa chea ou chorando coa mala hostia no funeral, pero acaban por conseguir inzarte das súas herbas.  Penso que se os antiheroes das bandas desenhadas fosen paixonais en troques de apaixonados, non había durar tanto Supermán.

Agora dícideme, falta ou non falta esa palabra?