Me contaron que estabas enamorada de otro
y entonces me fui a mi cuarto
y escribí ese artículo contra el Gobierno
por el que estoy preso.
Epigramas, Ernesto Cardenal
Igual que Cardenal, cabréome por X, escribo sobre Y... e probablemente me prendan por eso
Xa levo unhes días que me da voltas pola cabeza este home. Repasei algunhes datos sobre a súa obra e algunhes outros sobre Russell e algunhas teorías máis da linguaxe.
A nosa cabeza garda traslumbres dos coñecementos adquiridos ó longo dos anos e non empregados a diario de dous xeitos: o modo inconsciente e a caricatura.
No modo inconsciente, estamos empregando eses coñecementos sen decatarnos e, problablemente, naqueles aspectos da vida nos que non esperabamos facelo. Eu decátome, moi de vez en cando, de que nas conversas e na docencia me afecta Wittgenstein, en moitos casos o meu cerebro preocúpase máis de cómo digo algo para que se entenda ben que dese algo que digo. Nos meus tempos na vida pública cheguei a sentirme traidora a pesares de non mentir nunca, sabía que a maior parte dos meus interlocutores acaban sucumbindo ás miñas verbas porque carecían deses coñecentos sobre a linguaxe cos que eu manipulaba as conversas. Cando deixei a política, unha das miñas "autopromesas" foi a de nunca volver empregar aquelas artes para o meu propio beneficio e, na actualidade, prácticamente só as emprego na resolución de conflictos alleos e, sempre que poido, coas cartas á vista.
No modo caricaturesco, gardamos eses coñecementos como unha lembranza infantil, como un debuxo bidimensional de cores planas e básicas, como unha palabra no noso índice mental. Sabemos que un día, fai tempo, aprendemos aquelo, resúltanos familiar, sabemos que non puido desaparecer completamente do noso cerebro e, nese anceio de recuperalo, tratamos de recompoñer os camiños que nos leven a lembralo, coma un cubo de rubik de neuronas estúpidas. Sobra dicir que a maior parte de nós fracasamos no intento. No meu caso, gustaríame saber por qué non gardo as reflexións de Wittgenstein nese primeiro caixón donde me atopo cada dous por tres co rosario en latín ou cos usos das luces de néboa ("niebla densa, lluvia intensa, nubes de humo y polvo, copiosa nevada").
Na miña teima rosseauniana e inxenua (recoñézoo, pero non me importa que ós demais lles desagrade) de que hai moitos malos actos pero poucas malas persoas e unha inxente cantidade de ignorancias e infelicidades autoinducidas, imaxínome a resolución dun conflicto sen victimismos nin esmolas vitais, sen concepcións preconcebidas do "outro", sen posicionamentos iniciais, sen fins esquilmando medios...e conclúo, SEI SEMPRE, con maiúsculas, que ese conflicto, sexa cal sexa, se resolvería.
Logo a min chamaránme inxenua, incluso infantil, e haberá quen afirme que son "boa persoa" só por eso (como algo negativo, preocupante e penoso) e oirei "camisas de once varas", "avogada de causas perdidas", "en tódolos saraos" e outras tantas frases refraneiras e simplistas coas que se desprecian os actos alleos ocultando a covardía propia. O que me gustaría saber é se xulgarían do mesmo xeito a Wittgenstein ou a Russell (igual si, porque non dirixen ningún equipo de fútbol).
Na maior parte dos conflictos cos que me atopo, eu non teño nada que perder. Por eso non son violenta e digo o que penso sen pensar o que digo e, aínda que procuro non ofender, ás veces ofendo (pero na maior parte dos casos, quen se sinte ofendido pola miña sinceridade, non me supón respecto). E tamén por eso, porque non teño nada que perder, me resulta triste que me chamen inxenua, ou inexperta ou que aludan a unha certa ignorancia miña de sabe dios qué cuestión para escuda-la súa ausencia de argumentos cos que rebaterme ou para evitar poñer sobre a mesa a verdadeira motivación do conflicto. Se queredes saber cal é o meu punto de vista sobre esta xente, lembrádevos de "libertaria".
Ante esa casca eu non podo facer nada. Calar e, a poder ser non escoitar, para seguir gárdandolle respecto a quen me vén con falacias... normalmente non o consigo, pero sérveme para rañar nos debuxos planos da miña memoria unha lembranza sobre Wittgenstein e subila ó primeiro caixón das miñas neuronas. Ó final vou empezar a sentirme parte beneficiaria do conflicto por algo máis que pola roupa salpicada de zurro que metín onte na lavadora.