21/7/08

memoria de Monforte (I)

Teño moitos asuntos pendentes co último mes: a traducción-despedida de Pirsig que lles prometín ós meus alumnos e o ata logo de Vilalba, a bandeira contra os gardarraís que levaba Pedrosa, o éxito épico de Abel nas opos... pero os meus días en Monforte úrxenme dun xeito case visceral, non creo que vos dea transmitido o que sentín, pero quizais consiga contaxiarvos minimamente aquelas sensacións coas notas reelaboradas do meu caderno-memoria (ese que debe roubarme quen me queira facer mal de verdade). Necesitaba aquel encontro como o aire, e son consciente de que naqueles días respirei a pleno pulmón. Hoxe todo aquelo xa parece un soño longo deses que che fan cambiar por dentro ou retomar o que perderas no camiño.

Celta

A semana anterior metín no bolso algúns poemas da Pessarrodona e aquel microdiccionario de catalán que comprara con Bea en Barcelona, para irme reafacendo á lingua durante as esperas das opos. No traxecto a Monforte viñen escoitando música de Ja t’ho diré e Adriá Punti para lembrar os seus sons. Así que hoxe non era o “gran” día: ó chegar á casa da cultura (tarde, porque me perdín, como en tódolos inicios das grandes viaxes), pensaba máis no reencontro coa Unión Libre e co catalán, que no programa que me agardaba nesta xornada.

Meg Bateman soaba a Arwen e volveu noite fresca a mañá do sol do Sur. Fíxome agatuñar polas escaleiras á beira da estrada que ela describía na parálise do tempo xeolóxico. Falounos timidamente do sentir distinto en cada lingua, dou fe de que é verdade, por eso hai veces que non sabemos chamar algunha cousa máis que cunha soa palabra, incluso nunha lingua que nos sexa allea (por eso eu lle chamo “batimón” a calquera edificio grande, triste e feo, como sentín en Breizh a vista do meu primeiro bâtiment). E falou das tumbas na Illa de Skye, dos vellos que levaban con eles a súa lingua en extinción e o universo todo que ficaba morto debaixo dunha lousa.

Fun xantar soa. Estaba contenta de estar soa. Tiña todo o tempo do mundo para pensar no que este tempo e este mundo non me deixan pensar. Atravesaba as rúas de pedra coma se nacese un trevo en cada pegada, e cos ollos altos mirando cada edificio coma se me fose alleo, aquela costume que collín en Lugo o verán do meu retorno bretón. Alegreime de que Alberto non puidera vir xantar, igual que me alegrei de puidera vir tomar o café despois, igual que me alegrei de tódalas cousas que me pasaban e igual que me podía ter alegrado do que non me pasou. Estaba igual alegre, simplemente.

Nolwenn Korbell trouxo as avoas na lingua, verdade universal que eu xa aprendera da Madriña que fala engorde, e non a modiño, que pide unha cousa que se viva, e non o suficiente. Nolwenn ía namorándonos coa nosa total consciencia mentres sinalaba no aire coa man cada un dos cabos da Bretaña en cada momento que mentaba Breizh, alumeaba en cada faro e apertaba a terra toda que quedaba dentro daquel marco. De cando en vez eu vía a Sonia: música, teatro e a pintura que elas son en presencia simplemente. E por suposto vía a Terra Cha bretoa que teño pendente co meu chairego… e apareceu a consciencia da maxia daquela sala, na que cada ollo e cada orella eran a lente dun proxector de imaxes novas e vellas.

Soïg Sibéril pousou a música para o canto bretón de Nolwenn, que xa estabamos agardando con impaciencia desde dúas horas antes, tempo que aproveitei para parir unha unidade didáctica de Xestión Electrónica Diésel (a cal por certo me caeu na encerrona, foi a primeira bola e xa non necesitaba máis, sabía que fora construída coa ilusión daquel primeiro día). Estaba case en front row, non quería perderme nin un só xesto, enormemente impresionada por aquela muller e por tódalas mulleres e homes que trouxera canda ela. Ó saír presentouma Carmen, o meu francés voara e non souben disimular a súa ausencia, nin as palabras máis básicas (cando levaba toda aquela tarde pensando en francés)… coñezo ese síntomas: a nena tímida e calada que fun un día do que apenas teño acordo (e pouca xente que o acredite) vén de cando en vez a atarme a lingua e saírme polos ollos, antes resultábame molesta, inoportuna sempre, pero agora sei o que quere dicirme cando aparece e case pido por ela a diario.

18/5/08

respostas varias

Estou preparando a traducción dun fragmento do Zen e a Arte do Mantemento da Motocicleta no tempo que agardo a que o Jairo saia das sesións de rehabilitación. O fragmento fala de certos aspectos ético-filosóficos nos talleres.
Todo esto vén a conto porque nos últimos días parece que todo o mundo me fai a mesma pregunta, sempre desde unha posición diferente pero sempre a mesma, sexan vell@s coñecid@s da miña etapa humanística, sexan nov@s coñecid@s do instituto (-tuto)... @s que xa nunca se fan esa pregunta ó respecto da miña traxectoria son @s que me coñeceron antes de ser maior de idade, cando eu era potencia de todo o que logo fun e que viron en min unha convivencia pacífica da arte e a ciencia... Agora que trato de retomar aquela convivencia... podo dicir que é de todo menos pacífica. Martín tiña razón cando me dixo que ía levar moitas hostias cando caera no "mundo real", e non hai día que non lembre aquela conversa. A estas alturas xa son dabondo consciente de que non me teño que xustificar, pero si que hai xente que merece resposta, porque apareceron despois da hecatombe do 94 e porque lles teño aprecio e sei do seu hacia min.

Antes de dar respostas, ou intentalo, vou facer unha análise impersoal e xeralista dos motivos polos que eu coido que me fixeron esas preguntas, sempre referíndome á xente que merece resposta polo afecto e o respecto desde o que me consta que surxiron:

Creo que @s feministas me ven como unha punta de lanza, como un experimento, e queren saber se non perdín os meus ideais e ata qué punto a loita diaria está afectando á miña autoestima. A resposta é sinxela. Se fracaso non ha ser por ser muller, porque entre o profesorado de mecánica non existen (ou alomenos non se demostran) os prexuízos que vivín no taller. Boa mostra desto é a miña compañeira, respectada e admirada por alumnos e compañeiros actuais e antigos, completamente integrada desde xa fai anos (antes de que ó ZP se lle ocorrese impoñer a paridade)... e non tivo que disfrazarse de machorro, nin cambiar o seu discurso, nin facer esforzos sobrehumanos para facerse respectar. É boa no seu traballo e punto.

Creo que @s profesores de mecánica se preguntan se estou no lugar axeitado, axeitado para min persoalmente, non por ser muller, senón por ter unha traxectoria persoal particular, refírome en concreto ó meu pasado humanista. Aquí observo dúas cuestións fundamentais: por unha banda a dicotomía permanente da arte e a ciencia e, por outra banda, o habitual complexo das titulacións superiores. Á primeira cuestión hei de respostar que os motores me abren unha porta inmensa á creación literaria, e que no taller atopo debates ético-filosóficos inxentes a diario, xa sen nomear os meus proxectos de traducción dun libro de filosofía e mecánica e unha historia de JJCobas. Esta primeira resposta serve en parte para a segunda cuestión. Probablemente pensen que o meu talento sería mellor aproveitado noutras materias, que ademais se supoñen mellor consideradas socialmente, como a historia ou a literatura (a filosofía non conta, porque non está ben considerada: molesta) e para as que tamén me supoñen mellor formada. Pero eu penso que, desde donde estou hoxe, disfruto máis de todo (escribir e pensar) e podo aportar máis á mecánica e ás humanidades (traducir e historiar) aparte de cubrir a miña necesidade constante de sentirme aprendiz, e evitar emocionarme cada minuto ou involucrarme persoalmente con cada un dos meus alumnos (o cal resulta agotador en extremo para todos e non favorece a ninguén). Quizais, quen me vexa fóra de lugar, debería botar contas da miña inexperiencia asemade doutras circustancias personais que teñen pouco que ver cos estudios que me preceden... ademais de decatarse de que o seu traballo é marabilloso e de que os seus coñecementos non están por debaixo de ningunhes outros.

Creo que, con todo o que acabo de escribir, @s humanistas, se dan xa por satisfeitos, porque acaban de descubrir que penso máis (ou mellor, ou diferente), que escribo máis (ou mellor, ou diferente) e que, desde logo a miña paixón humanística se ve moi favorecida polas miñas actuais circunstancias: non existe intercambio "económico", investigo e creo, dentro das miñas capacidades e posibidades, libre en campos novos, sen agardar outro beneficio que o de saber máis e participar do mundo real (ese que Martín dicía, fóra do respetuoso debate umbilical do coñecemento etéreo).

De entre tódalas cuestións plantexadas nestes últimos días teño que agradecer dúas en especial: a de Eva, exposta nesta mesma bitácora, e a Sergio, disparada "a traición" no departamento. Hai pouca xente que me deixe sen palabras, ou que me plantexe preguntas que non me respostara xa estructuradamente nos meus autodiálogos. Ás veces teño que ir buscar quen me deixe sen voz (léase química conversativa agrícola), pero vos viñestes a min no lugar preciso e o momento axeitado. Gracias.

12/4/08

motomecánica

DailyMotos.TV é unha canle de televisión na rede adicada en exclusiva ás motos. A súa programación aínda non é moi extensa, pero, a parte de entrevistas moi interesantes e reportaxes de marca, ten un programa de introducción á mecánica de motos dirixido por Juan Manuel Requena que vos gustará tanto a moteir@s noveles como a estudiantes de mecánica, xa que non resuta fácil atopar vídeos didácticos de mecánica de motos e, por moi básicos que sexan, os poucos que haxa serán ben recibidos.
Aí vos van unha présa deles:
buxías:

cadeas:

filtros de aire:



Xa que estamos, tamén vos vou recomendar outra páxina de técnica introductoria: http://www.mundofree.com/burnout/tecnica/submaest.htm

6/2/08

páxina orgánica

Estaba debatindo con Iván Mouronte sobre politización da arte e dereitos de autor na súa bitácora (imouronte), como consecuencia de terlle pedido unha ilustración dun puño para unha futura entrada. Nos comentarios atopei unha páxina que se chama docencia compartida, e nela outra (as miñas buscas caleidoscópicas son marabillosamente sorprendentes). Esta última páxina convirte as dirección url en plantas.
Esta é a planta de Congostras:
Nin que dicir ten que me puxen a mirar as "plantas" que xermolaban das miñas páxinas favoritas (as cales, por certo, vos lembro que están á vosa dereita en VENCELLAD@S).
As que máis me gustaron foron as de Unión Libre (que ten un bichiño voando e todo):
...e tamén as de Eva

...e Pablo que, curiosamente teñen un asombroso parecido:
Se queredes saber qué planta agroma da vosa páxina, visitai: Organic HTML

31/1/08

voar e bailar

foto: Jairo G. Novo
Este é un vencelliño que nos atopamos o Jairo e eu na Ponte da Estación.
Os vencellos conseguen voar distancias moi longas,
pero se se pousan no chan logo non dan alzado o voo de novo.
Este aprendeu a voar desde o chan en Santa Comba,
en contra do que a súa natureza dictaminaba.
O que non sabemos e se se volveu pousar algunha vez e,
se o fixo, se volveu ascender ou se lle esquenceu o que aprendera
...ou se se quedou bailando no chan


FZR

Non sendo que che guste berrar, non é moita a conversa que podes ter nunha moto en marcha. En troques, pasas o tempo percibindo cousas e meditando sobre elas. Nas vistas e os sons, no estado do tempo e cousas que lembras, na máquina ou a paraxe na que te atopas, pensando relaxada e prolongadamente sen que te apuren, sen sentir que estás a perde-lo tempo.

Robert M. Pirsig no Zen y el Arte del Mantenimiento de la Motocicleta.

O 95 fora un ano deses de replantexarse a vida, de asumi-los cambios traumáticos e sacarlles partido. Xa me decatara de que as carreiras quedaban cada vez máis lonxe e o meu subconsciente estaba a mutar. Esquecín os cronómetros e as trazadas. De súpeto, descubrín no outono que trocara o martirio por unha alegría inmensa e contaxiosa. Foi o ano das conversas de viño e castañas tras da cociña, da creación do peto das esencias sen esquecemento para converter en familia a un par de pilotos que fóra das carreiras quedaban no limbo e merecían afectivamente a pena, do concepto de “mestre” que Darío e Tonio (o meu primeiro e insuperable alumno) me ensinaron, de Gonzalo, do primeiro poema… e dos quilómetros de xeadas e raiolas de sol na FZR.

Este luns fun con Álvaro de ruta. Volvín senti-las horas como minutos, volvín disfrutar das cores e os olores, inocente e sen preocupacións, desenrugando as marcas que o tempo mancou no corpo e no espírito, sentindo, soñando e pensando libre como no 95. Non precisaba engana-lo cerebro co locus amoenus de Cardedeu, nin fuxir, nin madurar, nin asumir. Coa caixa torácica aberta para a autopsia das sensacións inmediatas.

Deume tempo a botar de menos ó Javi, e tamén ó Carlos e ó Manel, claro. Pero sobre todo ó Javi e a FZR e aquela conexión muda para decidir entregarnos sen medo a unha curva, ou reducir case a cero e respirar unha paisaxe. E os cafés de xeonllos tremendo. E a xeada branca á beira da estrada.

Durante anos pensei que non daría atopado nunca un compañeiro de viaxe á súa altura. Un compañeiro de silencios cómodos e sorrisos abertos, simplemente. Así que lle teño que agradecerlle a Álvaro que me achegase de novo esa sensación de moto (pregúntome se para a moto teño tamén unha expresión particular, como aquela que identificou Rosa cando me dixo “tes cara de Charly”).

O outro día, cando paramos para dar a volta e que non nos collesen moi lonxe a noite e o frío, lembro que me custou erguer a cabeza e contemplar a paisaxe. Agora, vexo naquel impedimento iñoto unha metáfora das mentiras responsables ás que me aferro para non ver máis alá das obrigas que me corresponden. Se levanto a vista ás montañas igual me atopo cos meus desexos máis fondos… e igual ofendo tanto darredor que me ofendo a min mesma. Supoño que será mellor pousa-los ollos en territorio controlado.

Estaredes pensando que me é impropio este arrebato de conformismo, e máis aínda cando estou a falar de experiencias liberadoras. Pero eu vexo esto con máis pinta de análise que de conformidade, como unha reestructuración da carta de dereitos e deberes que non fai máis que darme ritmo para bailar subida ó muro fronteirizo entre as obrigas e os anceios. E bailar évos ben mellor que facer equilibrios!

29/10/07

beleza bucólica... e pastoril



Con esta foto vou inaugurar unha entrada adicada a deseños varios e curiosidades que me fun atopando por aí e que gardei sen saber ben para qué...
Non vou facer comentarios, ¡pero quero que quede claro que ningún dos deseños que vou colgar aquí son froito do "blister-tunning" consumista!

A moto de Raikkonen: Iceman II, Harley + Ferrari


Máis extravagancias americanas: 25 Shelby

"Con cariño para Elena", un motero solidario sobradamente coñecido


Buenafuente séntase nunha Vespa


Atendendo á túa petición, "vmb" (xa ves que respecto o teu anonimato, JaJa), aí vai esa animalada de bicha: a Dodge Tomahawk

26/10/07

Indicado, Preciso e... Darío


Fai máis de tres anos que Indicado e Preciso viñeron pola casa, pero eu daquela non sabía o seu nome e pareceume rara a súa visita. Xa me atopara con eles noutras ocasións e eu sempre pensei que eran da arquicoñecida familia dos Casuais “de toda la vida”. Creo que Claudio e Carmen, e igual Camilo (que me daba tanto medo como o Sr. Puig cando era secretario do meu instituto –tuto), tiveron algo que ver con que aquela mañá me chamase Darío para pedirme uns poemas.

[Nota para @s moteir@s: Que me chamara Darío Xohán Cabana para pedirme uns poemas é algo así como se me timbrara Pedrosa para ir dar unha volta en bici.]

Eu falara con el unha vez. Vale, realmente non falei. Estabamos preparando algo no Auditorio, e el veu, coma sempre, a ofrecer a súa axuda e a falar un pouco co grupo. Raquel díxome algo así como “non lle vas dicir nada?”, pero eu quedeime tesa e muda, sen máis reacción que unha diminución no ton da miña palidez, supoño. E deixei que pasara por diante de min todo o seu universo.

Lembro o mes que agardei pola súa traducción da Divina Comedia. Ía tódolos días á Aguirre, de camiño ó instituto, e dicíame o Velusco: “volve mañá”. O Velusco é un home con moita sorna. O gran día pousou aquel inmenso volume e asestoume: “son 30.000 pesetas”… supoño que palidecín tamén. Pero contesteille resolta: “Mañá tráiochas”. Era só unha proba. Pero eu estaba decidida a gastar o que non me sobraba na primeira xoia da miña biblioteca. Pouco despois estreei o meu carné da Provincial para rebuscar nos seus sonetos (algo excesivos para os meus quince anos).

O universo de Darío é inmenso, e acolledor como unha lareira acesa ó mesmo tempo. Na miña primeira estancia naquel mundo novo atravesei media Terra Cha na súa moto, indagando no Atlas de estradas e camiños, ó que tanto aprecio lle teño, o ápice de realidade que el deixaba entrever na novela. Ogallá Anxo non me tivera “perdido” aquel traballo. Porque agora, cando imos ver ós avós do Jairo ó Carboeiro, pésame non poder facer aquela ruta que pensaba recorrer en moto "cando fose maior". Cos anos, aproveiteime moitas veces daquel universo, especialmente nos tempos difíciles, para esquecer todo e poder soñar a gusto, por eso lle pedín que fixera Grándola Nova en Santa Comba nun dous meus primeiros poemas (deses que co tempo dan vergoña, pero que lemos de cando en vez buscando que os novos sexan a metade de sentidos), e por eso teorizaba tan segura nas Xuventudes sobre a miña República Federal Ibérica de Pobos Libres, porque xa tivera vivido o meu soño nos seus libros, no seu universo.

O día que sentín a voz de Darío do outro lado do aramio, que dixo Curros, chamei a Bea para que viñera xantar. Fixen o meu “cocho xaponés” (costelas á mazá) e agarramos unha ben simpática entre o viño e o champán con colacao (esa é outra historia). Daquela eu xa pensaba que había que vivir intensamente e sabía que Indicado e Preciso me había contar algo. Tempo máis tarde presentoumo Xerardo Pardo de Vera, o home dóce da transgresión, e descendeu das súas alturas para darme un bico e pousarme as mans nos ombros como el fai .

O que Darío me escribiu e o que dixo logo de min non veñen a conto agora, porque prefiro gardarmo dentro para cando teño algún (escaso) baixón do ego e porque vai en contra da terapia de humildade que sigo hai algunhes anos con irregular resultado.

O caso é que o outro día eu era, probablemente, a única persoa nerviosa da sala onde se presentou o libro. E a única que pasara todo o día con avelaíñas no estómago. Vindo de Calde colleume o radar, seguro que o garda que me veu empapelar (por certo, xa sei por qué non me gusta o rosa) pensou que me tremaban as pernas pola presencia do seu magnífico porte. Cheguei media hora antes (¡!), recibiume cunha aperta, deume un libro seu… e eu saín coa sensación doutro deses arrebatos de timidez que me pegan unha vez cada dous ou tres anos nos momentos máis inoportunos porque non lle dei pedido que mo asinara, porque non estaban nin Indicado nin Preciso.

Se cadra un día achégome a el con valor, e con Indicado e Preciso, e dígolle todo o que penso del. Se cadra.

23/10/07

sms urxente: estrada libre

Estrada, Paula Leira


Setembro a piques de rematar era duro e triste, por motivos que agora non veñen a conto, os días foron pasando baleiros e alleos, na espera dun Sanfro de químicas conversativas da rebusca e reencontros, un outono de libros e a ilusión dunha chamada Cantábrica (cántabra tampouco estaría mal... pero hai anos que perdín esa esperanza). Quen me ía dicir a min que había atopar tantos azos nunha pequena fuxida á que me enfrontei, en principio, con certo escepticismo, ou máis ben medo, medo a que na miña cabeza rebumbiaran as comparacións e medo a sentirme fóra de lugar e medo a botar de menos.

Encántame que a vida me sorprenda con agasallos humildes. En catro días esmaguei o corpo e rehabilitei a alma... ata tal punto que non cría nada do que sentía, que me daba vergoña incluso dicírllelo ou compartilo. Ás veces non sabes quén ha se-lo novo mensaxeiro. Coñecín a Rubén Pombo a cegas, telefoneoume para facer un recital, logo volveume chamar para esta historia, que aceptei, máis que nada, para restaurar o meu “eu poético”. Ademáis arrecendía a fresco, a libre, a rompedor... pero non esperaba que me fose facer bulir algo por dentro en catro días de convivencia. Víñenme para a casa cunha rosa de papel na man e un cadro de estrada senlleira... e a sensación de revivir do verán aborrecido e desaproveitado que nin Quincón, nin as présas, nin as consciencias de desamor deron resucitado aqueles días, pero cunha chea de nomes novos que non me custou nada aprender (algún incluso xa me estaba golpeando dentro antes de aprendelo).

Así, pouco a pouco, entre escea e escea, entre ensaio e ensaio, fóronse sucedendo pequenos encontros. Con Jana foi moi fácil, aproveitabamos calquera tempo morto para “saír a respirar” e volviamos xuntas para a casa, todo o demais foi fluíndo nas conversas e, como xa sabedes @s que me coñecedes de hai tempo, nos exercicios de motivación que forzo cando vexo a alguén con tanto talento como complexos artísticos.

Brian seguiu o camiño que eu rexeitei… falar con el foi como falar cunha lupe de hai dez anos, pero viva e activa. A verdade é que no treito de paseo por San Cibrao, Brian creoume un universo paralelo, un camiño de quita e pon como o de Aaaluap. Respondeume á pregunta “que tería sido de ti se…?” E gustoume a resposta. Gustoume moito a resposta. Sorte, Brian, non desistas!

Carmen venceume cunha química sen palabras, con esas casualidades extranas que fan escintilea-los ollos, e a facilidade nas apertas (que, ben sabedes, a min tanto me custan).

David volvéuseme un amante-referente, loitou contra tódolos jándicas: o da lingua, o do alleo, o do medo a un asalto de timidez inoportuna, para acompañar libremente á súa compañeira libre... e facerse un máis do nós que creamos sen decatarnos.

Cos Mourontes (e digo tres, Javier incluído) revivín aquelo de cando se che agolpan as ideas para compartir, porque sabes que o interlocutor levaba toda a vida no teu camiño e non entendes cómo non o atoparas antes... algo así como xuntarte cun vello amigo que levas anos sen ver.

Paula sementouse en Aaaluap. E eu non paraba de facerlle películas, cadros e fotos na miña cabeza. Non o podo explicar. Nunca vira tanta vida xunta. Tanta complexidade expresada dun xeito tan sinxelo. Estou marabillada e impresionada. Paula é como mirar por un buratiño e ver o universo enteiro. Xa non digo máis. Só que a súa rosa de servilleta granate pende agora dunha fada (que se lle parece sospeitosamente) no moble da nosa sala literario-científica, centro neurálxico do Centro Neurálxico.

E a outra Paula… Paula Leira. Eu non entendo nada de Pintura. Pero podo dicir que teño certos coñecementos de Imaxinación, asignatura transversal das artes e os oficios. Vin aquel cadro e namoreime. Inmediatamente. Por Mímese e por Metese, e por Parousía tamén, qué coño, aínda que só fose nos meus desexos. Unha estrada baleira, libre, que me lembraba os momentos de agobio do último ano, cando ía no coche, os atascos, Alanis berrándome we're never gonna survive unless we get a little crazy e de súpeto víame sorteando o tráfico, adiantándome a min mesma cunha magnífica Fireblade e o casco do Sr. Puig na cabeza, como o símbolo dunha Ave Fénix, abríndose paso, áxil, cara unha estrada aberta lonxe dos asubíos estériles da inercia.

A estrada de Paula é o símbolo do que atopei no museo, a estrada aberta para empezar a escribir trazadas libres.

10/10/07

Indicado, Preciso e doña Constatación fundan o C.N.O.


Mirta pediume que lle buscara á sogra en Mallorca… son os bucles do destino. Tócame facelo, como a cadea de favores, como agradecemento ás voltas da vida, xa só falta que sexa parente de Toni! Agora podo dicir que o Indicado e o Preciso sempre acaban por chegar. O Lugar Indicado no Momento Preciso.

Non llo preguntei, pero seguro que Gonzalo non lembra o día que chegou cantando á clase “quieres helado de fresa o prefieres que te pida ya el café”. Pero eu si. Daquela eu xa era consciente de que os días estaban contados… e aínda non sabía que habería cafés despois durante anos. Cafés da química conversativa agrícola. Así que cada vez que entraba na aula, para min era unha hora menos, e degustaba cada frase como aquela mazá asada de Fifí no Calma Chicha, lenta e atenta, con aquela posición de parrilla de saída e bandeira a punto que tiña no insti (porque non chegaba cos pés ó chan), que só me faltaba o casco e o puño do acelerador.

O caso é que o outro día non puiden disfrutar do concerto todo o que me tería gustado, por motivos que non veñen a conto (supoño que a consciencia de que xa son “las cuatro y diez” e que non o dou asumido tivo algo que ver) pero viñeron Indicado e Preciso a dicirme que alí estaban para o que quixera. Levo ben tempo sen rezar. E decateime de que estaba rezando todo o tempo en certo modo, en canto o vin a uns poucos metros. E introducín unha nova conta no meu rosario ateo:

P.: Agora que está aquí

R.: Las cuatro y diez

Eu non o quería molestar naquel espacio “aut-ista”, pero Indicado e Preciso, collérono polas orellas e achegárono a min segundos antes da canción desexada. De súpeto púxenme tesa como un garabullo recitando entre dentes a letra (cada un ten o seu himno), botándoa fóra para que non me ardera dentro (que xa se sabe que cando os ollos ventan lume no estómago, fan saltar a extinción automática por aspersión… e eso queda moi mal en público). Pensei en agarralo polo ombro e facer un vaivén acompasado deses de farra, pero non tiña eu farra dentro precisamente. Así que seguín co meu recital silencioso botando contas do mal que se me da esto da madurez, e de que agora que quitei as ferraxes dos dentes me decato do pouco que amoso xa o sorriso (Jana, sinto que esta entrada non sexa optimista, pero estatisticamente é unha excepción), e de que cada un ten o seu tempo, e imaxinándome a Indicado e Preciso tomándolle o pelo á señora doña Constatación de la Realidad (porque Indicado e Preciso son unhes cachondos, e doña Constatación está algo senil e non ten ganas de leria).

O caso é que Aute dixera que a lúa lle mostrara excepcionalmente a súa cara oculta ó Giraluna por tres motivos:

1, porque tivera fe

2, porque fora constante

3, porque non perdera a ilusión


Así que… que carallo! aínda hai quen pensa que se pode seguir sendo e sobrevivir entre os lobos desilusionados e desilusionantes ó mesmo tempo. Xa estou farta de pseudoresponsabilidades tristes e de caras largas e de que os lobos traten de arrastrarme ás súas autocompasións e autoxustificacións da inercia, e da sensación permanente de que son “las cuatro y diez”. Propoño un C.N.O. (ó estilo do Centro Neurálxico de Operacións de Tito Puig) en contra de nada e a favor dos seres ilusionantes que andan sen Norte no medio dos lobos. Alguén se apunta?

3/10/07

Non ós gardarraíles



Dado o pouco tempo que teño estes días, aí vos vai, en espera da entrada sobre o grupo do Museo, o relato (íntegro) que escribín para o espectáculo. Ás/ós que non o coñecedes, espero que vos guste a miña incursión na prosa literaria:


A Macheteira

Señor xuíz, eu sei quen é o Macheteiro dos gardarraíles. Xa hai anos que o sei, pero a comprensión que sinto por esta muller (si, si, señor xuíz, é unha muller) e os motivos que a levaron a iniciar esta loita solitaria contra as coitelas da estrada, fixéronme ficar calada todo este tempo. Se quere pode implicarme como encubridora, e sen arrepentimento: se esta muller non estivera ó borde da morte, eu habería encubrila o resto dos meus días… ó fin e ó cabo, salva moitas vidas que a administración á que vostede pertence pon en perigo cos seus gardarraíles baratos e asasinos (non, señor, desculpe, non pretendo faltarlle ó respecto, non volverá pasar, perdoe).

O meu oficio real é o de pintora, pero por asegurarme o pan, aceptei este traballo en San Cibrao, coidando dunha velliña por encargo da familia dela. Supostamente, a familia encargárame vivir na súa casa porque ela non podía valerse por sí, e que así estaban máis tranquilos …tranquilos, sí, porque non viñeron a vela máis que catro veces contadas en cinco anos (si, señor xuíz, desculpe, non se ofenda pola miña retranca, intentarei ser máis obxectiva). Díxéranme que non falaba moito desde que lle morrera o home nun accidente de tráfico. (Efectivamente, señor xuíz, era Luís Pericot, o arqueólogo adscrito ó Museo do Mar) Tamén era historiador. E músico. Tocaba o piano coas mans de San Francisco, dicía ela. As mans do San Francisco aquel de madeira das escaleiras do Museo de Lugo (Coñéceo vostede, señor xuíz?) Ela dicía que eran as mesmiñas mans do San Francisco. As mans. (Si, señor xuíz, ela conducía).

(Non señor, ó principio eu non sabía por qué non a internaban nun xeriátrico) Pero logo decateime. Andaba arrastrando os pés detrás daquelas dúas caiadas, e tiña a cara enrugada como unha pataca vella. Pero non era vella. Ó pouco de ir vivir eu alí, vina núa saído do cuarto de baño. Ela quedou rexa, como se a sorprendera nun grande secreto. E saía sen caiadas e máis ergueita. (Si, señor xuíz, eu calculo que non tería moito máis de corenta anos). Eu fixen coma se nada. Tomei o té que ela me preparaba con cariño tódalas noites desde o primeiro día, eu… coma se non pasara nada. (si, señor xuíz, estaba impedida e non tocaba a cociña, pero facíame aquel té tan saboroso, porque dicía que daba un sono de anxos… e abofé que era verdade, porque nunca tan seguido nin tan ben durmín na miña vida como na súa casa). E non volvín pensar naquelo ata uns meses despois, por culpa dunhes mexillóns en mal estado.

Non entendín nada cando espertei aquela noite. Sentáranme mal os mexillóns e vomitara, con perdón, a cea e máis o té, antes de ir á cama. (Non señor, non lle dixen nada para non preocupala). Quedei durmida, pero espabiloume o ruído dun motor no garaxe, pensei que viñeran rouba-la moto aquela vella que había alí tapada. E vin pola fiestra alguén enfundado nun mono cunha macheta ás costas. (Si, señor xuíz, coincido coa descripción da policía, todo branco, casco, mono, botas, guantes…, ata a macheta). Baixei ó garaxe e vin as caiadas pousadas nunha cadeira, e a roupa de durmir dela.

(Si, señor xuíz, eu oíra falar do Macheteiro, sabía que esnaquizaba gardarraíles por Galicia adiante, dicían que era un moteiro tolo, e que nas revistas de motos o chamaban o Súperheroe, pero pouco máis, non se me ocorreu que puidera ser ela). Non lle dixen nada daquelo, pero decidín vixiala, ó fin e o cabo, pagábanme para ser responsable dela. (Non, señor, non dei conta á familia, non me parecía que tivera que darlles conta, crin que era unha excentricidade dunha muller tola pola morte do seu home). Decateime de que o té me durmía de máis, bebíallo e logo botábao sen que me vira (non, señor, non, bastábame con pensar nos mexillóns aqueles e xa ía todo fóra). Non saía tódalas noites, e agardei case un mes pola seguinte escapada. Sentina bicar algo sonoramente e pechar un caixón, baixou engorde, pero non en silencio, confiada nos efectos que me facía o bebedizo. En canto marchou na moto, entrei no seu cuarto. No primeiro caixón da mesiña non tiña máis que unha fotografía do San Francisco do Museo e outra dun cadro. Era unha pintura escura, dunha familia esfameada, mirando fixos e cabilantes, tristes cos ollos iguais, profundos, escuros. Agora creo recordar que algo me dixera daquel cadro e do home, que o coñecera fronte del ou algo así, non sei, foi hai tempo. E logo deume algo de medo. Había outras fotos que non eran máis que primeiros planos das anteriores, mans, ollos. Aínda así eu seguín buscando, e no caixón do fondo había unha carpeta sobada e desordeada, e entendín todo. (Si señor xuíz, xa me explico, se me permite voulle ler o recorte no que se vía a imaxe dun home de mirada profunda e escura…)

(é do 14 de Abril do 2002)

Tráxica morte do eminente arqueólogo Luís Pericot

O arqueólogo e historiador faleceu onte nun accidente de tráfico ó esvarar a motocicleta na que viaxaba.

Segundo testigos do sinistro, ó esvarar a motocicleta na curva de saída da autovía A6 á estrada da Fonsagrada, os dous ocupantes do vehículo saíron despedidos hacia a zona axardinada que rodea a saída. A conductora da motocicleta, R. S. T., de 20 anos de idade, saíu ilesa, mentres que o ilustre arqueólogo Luís Pericot García morreu ós poucos minutos, víctima das feridas.

O inspector Coira, encargado de levantar atestado do accidente, declarou ós medios: “aínda non temos claro que a causa do sinistro fose a mancha oleaxinosa detectada no tramo inicial da curva”

Ó preguntarlle pola mans amputadas do defunto, o inspector aclarou: “non podemos afirmar que a morte do suxeito fose consecuencia da amputación de ámbalas dúas mans, hai probas evidentes de que éstas foron seccionadas, pero non descartamos novas hipóteses, a investigación segue aberta”.

Minutos antes do peche da presente edición, na redacción foi recibido un fax dirixido a tódolos medios no que informa do peche da investigación resolvendo que “o sinistro foi debido a fallos humanos e a morte do señor Fonsanta foi consecuencia da hemofilia que padecía”. Sabemos que a demanda contencioso-administrativa que a familia presentou contra o organismo público a cargo da instalación dos gardaraíles foi desestimada por carecer de fundamento.

Manifestacións pola morte de Luís Pericot

A asociación “No a los guardarraíles”, encabezada por Andrés Pérez Rubio realizou un inmediato chamamento á mobilización en todo o Estado. Téñense previstas concentracións nas principais cidades o vindeiro domingo, onde haberá recollida de firmas para a eliminación dos denominados “quitamedos”. En contestación ás declaracións do presidente da N.G. nunha importante emisora de radio o Ministro de Fomento declarou: non é o asunto primordial para o Goberno, acabamos de aprobar un novo plan prever para que os cidadáns merquen automóbiles máis seguros e así reducir a siniestralidade. De tódolos xeitos temos previsto atender as demandas da N.G. iniciando conversas, pese a ser un colectivo minoritario”.

(Que qué fixen eu? Pois mire, señor xuíz, empecei aquela mesma noite o cadro de San Francisco que aínda colga na entrada da súa casa)