26/10/07

Indicado, Preciso e... Darío


Fai máis de tres anos que Indicado e Preciso viñeron pola casa, pero eu daquela non sabía o seu nome e pareceume rara a súa visita. Xa me atopara con eles noutras ocasións e eu sempre pensei que eran da arquicoñecida familia dos Casuais “de toda la vida”. Creo que Claudio e Carmen, e igual Camilo (que me daba tanto medo como o Sr. Puig cando era secretario do meu instituto –tuto), tiveron algo que ver con que aquela mañá me chamase Darío para pedirme uns poemas.

[Nota para @s moteir@s: Que me chamara Darío Xohán Cabana para pedirme uns poemas é algo así como se me timbrara Pedrosa para ir dar unha volta en bici.]

Eu falara con el unha vez. Vale, realmente non falei. Estabamos preparando algo no Auditorio, e el veu, coma sempre, a ofrecer a súa axuda e a falar un pouco co grupo. Raquel díxome algo así como “non lle vas dicir nada?”, pero eu quedeime tesa e muda, sen máis reacción que unha diminución no ton da miña palidez, supoño. E deixei que pasara por diante de min todo o seu universo.

Lembro o mes que agardei pola súa traducción da Divina Comedia. Ía tódolos días á Aguirre, de camiño ó instituto, e dicíame o Velusco: “volve mañá”. O Velusco é un home con moita sorna. O gran día pousou aquel inmenso volume e asestoume: “son 30.000 pesetas”… supoño que palidecín tamén. Pero contesteille resolta: “Mañá tráiochas”. Era só unha proba. Pero eu estaba decidida a gastar o que non me sobraba na primeira xoia da miña biblioteca. Pouco despois estreei o meu carné da Provincial para rebuscar nos seus sonetos (algo excesivos para os meus quince anos).

O universo de Darío é inmenso, e acolledor como unha lareira acesa ó mesmo tempo. Na miña primeira estancia naquel mundo novo atravesei media Terra Cha na súa moto, indagando no Atlas de estradas e camiños, ó que tanto aprecio lle teño, o ápice de realidade que el deixaba entrever na novela. Ogallá Anxo non me tivera “perdido” aquel traballo. Porque agora, cando imos ver ós avós do Jairo ó Carboeiro, pésame non poder facer aquela ruta que pensaba recorrer en moto "cando fose maior". Cos anos, aproveiteime moitas veces daquel universo, especialmente nos tempos difíciles, para esquecer todo e poder soñar a gusto, por eso lle pedín que fixera Grándola Nova en Santa Comba nun dous meus primeiros poemas (deses que co tempo dan vergoña, pero que lemos de cando en vez buscando que os novos sexan a metade de sentidos), e por eso teorizaba tan segura nas Xuventudes sobre a miña República Federal Ibérica de Pobos Libres, porque xa tivera vivido o meu soño nos seus libros, no seu universo.

O día que sentín a voz de Darío do outro lado do aramio, que dixo Curros, chamei a Bea para que viñera xantar. Fixen o meu “cocho xaponés” (costelas á mazá) e agarramos unha ben simpática entre o viño e o champán con colacao (esa é outra historia). Daquela eu xa pensaba que había que vivir intensamente e sabía que Indicado e Preciso me había contar algo. Tempo máis tarde presentoumo Xerardo Pardo de Vera, o home dóce da transgresión, e descendeu das súas alturas para darme un bico e pousarme as mans nos ombros como el fai .

O que Darío me escribiu e o que dixo logo de min non veñen a conto agora, porque prefiro gardarmo dentro para cando teño algún (escaso) baixón do ego e porque vai en contra da terapia de humildade que sigo hai algunhes anos con irregular resultado.

O caso é que o outro día eu era, probablemente, a única persoa nerviosa da sala onde se presentou o libro. E a única que pasara todo o día con avelaíñas no estómago. Vindo de Calde colleume o radar, seguro que o garda que me veu empapelar (por certo, xa sei por qué non me gusta o rosa) pensou que me tremaban as pernas pola presencia do seu magnífico porte. Cheguei media hora antes (¡!), recibiume cunha aperta, deume un libro seu… e eu saín coa sensación doutro deses arrebatos de timidez que me pegan unha vez cada dous ou tres anos nos momentos máis inoportunos porque non lle dei pedido que mo asinara, porque non estaban nin Indicado nin Preciso.

Se cadra un día achégome a el con valor, e con Indicado e Preciso, e dígolle todo o que penso del. Se cadra.

4 comentaris:

Anònim ha dit...

"...O viaxeiro entrou pisando suavemente, coma quen é estraxeiro no lugar e quere mostra-la súa cortesía... ...Achegouse ó mostrador desprovisto de camareiro, e agardou un pouco,... ...Terminou volvendo ó carón da porta de fora, pero... ...un viaxeiro que encontra onde pousar debe insistir...
...decidiuse por fin a chamar á porta da cociña, e petou nela tres veces cos cotenos, cada vez cun pouquiño máis de forza."


Galván en Saor




Espero que a Darío non lle importe que cite así a súa obra para facer analoxías, ha ha ha.

lupe ha dit...

non creo que lle importe en absoluto, ademais penso que xa vai sendo hora de que se decate de cómo nos marcou a súa obra a toda unha xeración! non hai ninguén que non lera algo seu e que non lle rendira culto nalgún momento ou que non leve metido dentro algún fragmento, como unha area desas que se che cravou ó caer da bicicleta e que logo atopas algunhas veces na palma da man lembrando "aqueles tempos"

Anònim ha dit...

Debo confesar que del tan só lin "Galván en Saor"; así que o coñecemento que teño da súa obra é máis ben escaso

lupe ha dit...

Pois xa podes ir espabilando... o Galván é só a punta do iceberg! Empeza por "O cervo na torre" para pensar, "Vidas Senlleiras" para sentir e "Fortunato de Trasmundi" para rir