29/10/07

beleza bucólica... e pastoril



Con esta foto vou inaugurar unha entrada adicada a deseños varios e curiosidades que me fun atopando por aí e que gardei sen saber ben para qué...
Non vou facer comentarios, ¡pero quero que quede claro que ningún dos deseños que vou colgar aquí son froito do "blister-tunning" consumista!

A moto de Raikkonen: Iceman II, Harley + Ferrari


Máis extravagancias americanas: 25 Shelby

"Con cariño para Elena", un motero solidario sobradamente coñecido


Buenafuente séntase nunha Vespa


Atendendo á túa petición, "vmb" (xa ves que respecto o teu anonimato, JaJa), aí vai esa animalada de bicha: a Dodge Tomahawk

26/10/07

Indicado, Preciso e... Darío


Fai máis de tres anos que Indicado e Preciso viñeron pola casa, pero eu daquela non sabía o seu nome e pareceume rara a súa visita. Xa me atopara con eles noutras ocasións e eu sempre pensei que eran da arquicoñecida familia dos Casuais “de toda la vida”. Creo que Claudio e Carmen, e igual Camilo (que me daba tanto medo como o Sr. Puig cando era secretario do meu instituto –tuto), tiveron algo que ver con que aquela mañá me chamase Darío para pedirme uns poemas.

[Nota para @s moteir@s: Que me chamara Darío Xohán Cabana para pedirme uns poemas é algo así como se me timbrara Pedrosa para ir dar unha volta en bici.]

Eu falara con el unha vez. Vale, realmente non falei. Estabamos preparando algo no Auditorio, e el veu, coma sempre, a ofrecer a súa axuda e a falar un pouco co grupo. Raquel díxome algo así como “non lle vas dicir nada?”, pero eu quedeime tesa e muda, sen máis reacción que unha diminución no ton da miña palidez, supoño. E deixei que pasara por diante de min todo o seu universo.

Lembro o mes que agardei pola súa traducción da Divina Comedia. Ía tódolos días á Aguirre, de camiño ó instituto, e dicíame o Velusco: “volve mañá”. O Velusco é un home con moita sorna. O gran día pousou aquel inmenso volume e asestoume: “son 30.000 pesetas”… supoño que palidecín tamén. Pero contesteille resolta: “Mañá tráiochas”. Era só unha proba. Pero eu estaba decidida a gastar o que non me sobraba na primeira xoia da miña biblioteca. Pouco despois estreei o meu carné da Provincial para rebuscar nos seus sonetos (algo excesivos para os meus quince anos).

O universo de Darío é inmenso, e acolledor como unha lareira acesa ó mesmo tempo. Na miña primeira estancia naquel mundo novo atravesei media Terra Cha na súa moto, indagando no Atlas de estradas e camiños, ó que tanto aprecio lle teño, o ápice de realidade que el deixaba entrever na novela. Ogallá Anxo non me tivera “perdido” aquel traballo. Porque agora, cando imos ver ós avós do Jairo ó Carboeiro, pésame non poder facer aquela ruta que pensaba recorrer en moto "cando fose maior". Cos anos, aproveiteime moitas veces daquel universo, especialmente nos tempos difíciles, para esquecer todo e poder soñar a gusto, por eso lle pedín que fixera Grándola Nova en Santa Comba nun dous meus primeiros poemas (deses que co tempo dan vergoña, pero que lemos de cando en vez buscando que os novos sexan a metade de sentidos), e por eso teorizaba tan segura nas Xuventudes sobre a miña República Federal Ibérica de Pobos Libres, porque xa tivera vivido o meu soño nos seus libros, no seu universo.

O día que sentín a voz de Darío do outro lado do aramio, que dixo Curros, chamei a Bea para que viñera xantar. Fixen o meu “cocho xaponés” (costelas á mazá) e agarramos unha ben simpática entre o viño e o champán con colacao (esa é outra historia). Daquela eu xa pensaba que había que vivir intensamente e sabía que Indicado e Preciso me había contar algo. Tempo máis tarde presentoumo Xerardo Pardo de Vera, o home dóce da transgresión, e descendeu das súas alturas para darme un bico e pousarme as mans nos ombros como el fai .

O que Darío me escribiu e o que dixo logo de min non veñen a conto agora, porque prefiro gardarmo dentro para cando teño algún (escaso) baixón do ego e porque vai en contra da terapia de humildade que sigo hai algunhes anos con irregular resultado.

O caso é que o outro día eu era, probablemente, a única persoa nerviosa da sala onde se presentou o libro. E a única que pasara todo o día con avelaíñas no estómago. Vindo de Calde colleume o radar, seguro que o garda que me veu empapelar (por certo, xa sei por qué non me gusta o rosa) pensou que me tremaban as pernas pola presencia do seu magnífico porte. Cheguei media hora antes (¡!), recibiume cunha aperta, deume un libro seu… e eu saín coa sensación doutro deses arrebatos de timidez que me pegan unha vez cada dous ou tres anos nos momentos máis inoportunos porque non lle dei pedido que mo asinara, porque non estaban nin Indicado nin Preciso.

Se cadra un día achégome a el con valor, e con Indicado e Preciso, e dígolle todo o que penso del. Se cadra.

23/10/07

sms urxente: estrada libre

Estrada, Paula Leira


Setembro a piques de rematar era duro e triste, por motivos que agora non veñen a conto, os días foron pasando baleiros e alleos, na espera dun Sanfro de químicas conversativas da rebusca e reencontros, un outono de libros e a ilusión dunha chamada Cantábrica (cántabra tampouco estaría mal... pero hai anos que perdín esa esperanza). Quen me ía dicir a min que había atopar tantos azos nunha pequena fuxida á que me enfrontei, en principio, con certo escepticismo, ou máis ben medo, medo a que na miña cabeza rebumbiaran as comparacións e medo a sentirme fóra de lugar e medo a botar de menos.

Encántame que a vida me sorprenda con agasallos humildes. En catro días esmaguei o corpo e rehabilitei a alma... ata tal punto que non cría nada do que sentía, que me daba vergoña incluso dicírllelo ou compartilo. Ás veces non sabes quén ha se-lo novo mensaxeiro. Coñecín a Rubén Pombo a cegas, telefoneoume para facer un recital, logo volveume chamar para esta historia, que aceptei, máis que nada, para restaurar o meu “eu poético”. Ademáis arrecendía a fresco, a libre, a rompedor... pero non esperaba que me fose facer bulir algo por dentro en catro días de convivencia. Víñenme para a casa cunha rosa de papel na man e un cadro de estrada senlleira... e a sensación de revivir do verán aborrecido e desaproveitado que nin Quincón, nin as présas, nin as consciencias de desamor deron resucitado aqueles días, pero cunha chea de nomes novos que non me custou nada aprender (algún incluso xa me estaba golpeando dentro antes de aprendelo).

Así, pouco a pouco, entre escea e escea, entre ensaio e ensaio, fóronse sucedendo pequenos encontros. Con Jana foi moi fácil, aproveitabamos calquera tempo morto para “saír a respirar” e volviamos xuntas para a casa, todo o demais foi fluíndo nas conversas e, como xa sabedes @s que me coñecedes de hai tempo, nos exercicios de motivación que forzo cando vexo a alguén con tanto talento como complexos artísticos.

Brian seguiu o camiño que eu rexeitei… falar con el foi como falar cunha lupe de hai dez anos, pero viva e activa. A verdade é que no treito de paseo por San Cibrao, Brian creoume un universo paralelo, un camiño de quita e pon como o de Aaaluap. Respondeume á pregunta “que tería sido de ti se…?” E gustoume a resposta. Gustoume moito a resposta. Sorte, Brian, non desistas!

Carmen venceume cunha química sen palabras, con esas casualidades extranas que fan escintilea-los ollos, e a facilidade nas apertas (que, ben sabedes, a min tanto me custan).

David volvéuseme un amante-referente, loitou contra tódolos jándicas: o da lingua, o do alleo, o do medo a un asalto de timidez inoportuna, para acompañar libremente á súa compañeira libre... e facerse un máis do nós que creamos sen decatarnos.

Cos Mourontes (e digo tres, Javier incluído) revivín aquelo de cando se che agolpan as ideas para compartir, porque sabes que o interlocutor levaba toda a vida no teu camiño e non entendes cómo non o atoparas antes... algo así como xuntarte cun vello amigo que levas anos sen ver.

Paula sementouse en Aaaluap. E eu non paraba de facerlle películas, cadros e fotos na miña cabeza. Non o podo explicar. Nunca vira tanta vida xunta. Tanta complexidade expresada dun xeito tan sinxelo. Estou marabillada e impresionada. Paula é como mirar por un buratiño e ver o universo enteiro. Xa non digo máis. Só que a súa rosa de servilleta granate pende agora dunha fada (que se lle parece sospeitosamente) no moble da nosa sala literario-científica, centro neurálxico do Centro Neurálxico.

E a outra Paula… Paula Leira. Eu non entendo nada de Pintura. Pero podo dicir que teño certos coñecementos de Imaxinación, asignatura transversal das artes e os oficios. Vin aquel cadro e namoreime. Inmediatamente. Por Mímese e por Metese, e por Parousía tamén, qué coño, aínda que só fose nos meus desexos. Unha estrada baleira, libre, que me lembraba os momentos de agobio do último ano, cando ía no coche, os atascos, Alanis berrándome we're never gonna survive unless we get a little crazy e de súpeto víame sorteando o tráfico, adiantándome a min mesma cunha magnífica Fireblade e o casco do Sr. Puig na cabeza, como o símbolo dunha Ave Fénix, abríndose paso, áxil, cara unha estrada aberta lonxe dos asubíos estériles da inercia.

A estrada de Paula é o símbolo do que atopei no museo, a estrada aberta para empezar a escribir trazadas libres.

10/10/07

Indicado, Preciso e doña Constatación fundan o C.N.O.


Mirta pediume que lle buscara á sogra en Mallorca… son os bucles do destino. Tócame facelo, como a cadea de favores, como agradecemento ás voltas da vida, xa só falta que sexa parente de Toni! Agora podo dicir que o Indicado e o Preciso sempre acaban por chegar. O Lugar Indicado no Momento Preciso.

Non llo preguntei, pero seguro que Gonzalo non lembra o día que chegou cantando á clase “quieres helado de fresa o prefieres que te pida ya el café”. Pero eu si. Daquela eu xa era consciente de que os días estaban contados… e aínda non sabía que habería cafés despois durante anos. Cafés da química conversativa agrícola. Así que cada vez que entraba na aula, para min era unha hora menos, e degustaba cada frase como aquela mazá asada de Fifí no Calma Chicha, lenta e atenta, con aquela posición de parrilla de saída e bandeira a punto que tiña no insti (porque non chegaba cos pés ó chan), que só me faltaba o casco e o puño do acelerador.

O caso é que o outro día non puiden disfrutar do concerto todo o que me tería gustado, por motivos que non veñen a conto (supoño que a consciencia de que xa son “las cuatro y diez” e que non o dou asumido tivo algo que ver) pero viñeron Indicado e Preciso a dicirme que alí estaban para o que quixera. Levo ben tempo sen rezar. E decateime de que estaba rezando todo o tempo en certo modo, en canto o vin a uns poucos metros. E introducín unha nova conta no meu rosario ateo:

P.: Agora que está aquí

R.: Las cuatro y diez

Eu non o quería molestar naquel espacio “aut-ista”, pero Indicado e Preciso, collérono polas orellas e achegárono a min segundos antes da canción desexada. De súpeto púxenme tesa como un garabullo recitando entre dentes a letra (cada un ten o seu himno), botándoa fóra para que non me ardera dentro (que xa se sabe que cando os ollos ventan lume no estómago, fan saltar a extinción automática por aspersión… e eso queda moi mal en público). Pensei en agarralo polo ombro e facer un vaivén acompasado deses de farra, pero non tiña eu farra dentro precisamente. Así que seguín co meu recital silencioso botando contas do mal que se me da esto da madurez, e de que agora que quitei as ferraxes dos dentes me decato do pouco que amoso xa o sorriso (Jana, sinto que esta entrada non sexa optimista, pero estatisticamente é unha excepción), e de que cada un ten o seu tempo, e imaxinándome a Indicado e Preciso tomándolle o pelo á señora doña Constatación de la Realidad (porque Indicado e Preciso son unhes cachondos, e doña Constatación está algo senil e non ten ganas de leria).

O caso é que Aute dixera que a lúa lle mostrara excepcionalmente a súa cara oculta ó Giraluna por tres motivos:

1, porque tivera fe

2, porque fora constante

3, porque non perdera a ilusión


Así que… que carallo! aínda hai quen pensa que se pode seguir sendo e sobrevivir entre os lobos desilusionados e desilusionantes ó mesmo tempo. Xa estou farta de pseudoresponsabilidades tristes e de caras largas e de que os lobos traten de arrastrarme ás súas autocompasións e autoxustificacións da inercia, e da sensación permanente de que son “las cuatro y diez”. Propoño un C.N.O. (ó estilo do Centro Neurálxico de Operacións de Tito Puig) en contra de nada e a favor dos seres ilusionantes que andan sen Norte no medio dos lobos. Alguén se apunta?

3/10/07

Non ós gardarraíles



Dado o pouco tempo que teño estes días, aí vos vai, en espera da entrada sobre o grupo do Museo, o relato (íntegro) que escribín para o espectáculo. Ás/ós que non o coñecedes, espero que vos guste a miña incursión na prosa literaria:


A Macheteira

Señor xuíz, eu sei quen é o Macheteiro dos gardarraíles. Xa hai anos que o sei, pero a comprensión que sinto por esta muller (si, si, señor xuíz, é unha muller) e os motivos que a levaron a iniciar esta loita solitaria contra as coitelas da estrada, fixéronme ficar calada todo este tempo. Se quere pode implicarme como encubridora, e sen arrepentimento: se esta muller non estivera ó borde da morte, eu habería encubrila o resto dos meus días… ó fin e ó cabo, salva moitas vidas que a administración á que vostede pertence pon en perigo cos seus gardarraíles baratos e asasinos (non, señor, desculpe, non pretendo faltarlle ó respecto, non volverá pasar, perdoe).

O meu oficio real é o de pintora, pero por asegurarme o pan, aceptei este traballo en San Cibrao, coidando dunha velliña por encargo da familia dela. Supostamente, a familia encargárame vivir na súa casa porque ela non podía valerse por sí, e que así estaban máis tranquilos …tranquilos, sí, porque non viñeron a vela máis que catro veces contadas en cinco anos (si, señor xuíz, desculpe, non se ofenda pola miña retranca, intentarei ser máis obxectiva). Díxéranme que non falaba moito desde que lle morrera o home nun accidente de tráfico. (Efectivamente, señor xuíz, era Luís Pericot, o arqueólogo adscrito ó Museo do Mar) Tamén era historiador. E músico. Tocaba o piano coas mans de San Francisco, dicía ela. As mans do San Francisco aquel de madeira das escaleiras do Museo de Lugo (Coñéceo vostede, señor xuíz?) Ela dicía que eran as mesmiñas mans do San Francisco. As mans. (Si, señor xuíz, ela conducía).

(Non señor, ó principio eu non sabía por qué non a internaban nun xeriátrico) Pero logo decateime. Andaba arrastrando os pés detrás daquelas dúas caiadas, e tiña a cara enrugada como unha pataca vella. Pero non era vella. Ó pouco de ir vivir eu alí, vina núa saído do cuarto de baño. Ela quedou rexa, como se a sorprendera nun grande secreto. E saía sen caiadas e máis ergueita. (Si, señor xuíz, eu calculo que non tería moito máis de corenta anos). Eu fixen coma se nada. Tomei o té que ela me preparaba con cariño tódalas noites desde o primeiro día, eu… coma se non pasara nada. (si, señor xuíz, estaba impedida e non tocaba a cociña, pero facíame aquel té tan saboroso, porque dicía que daba un sono de anxos… e abofé que era verdade, porque nunca tan seguido nin tan ben durmín na miña vida como na súa casa). E non volvín pensar naquelo ata uns meses despois, por culpa dunhes mexillóns en mal estado.

Non entendín nada cando espertei aquela noite. Sentáranme mal os mexillóns e vomitara, con perdón, a cea e máis o té, antes de ir á cama. (Non señor, non lle dixen nada para non preocupala). Quedei durmida, pero espabiloume o ruído dun motor no garaxe, pensei que viñeran rouba-la moto aquela vella que había alí tapada. E vin pola fiestra alguén enfundado nun mono cunha macheta ás costas. (Si, señor xuíz, coincido coa descripción da policía, todo branco, casco, mono, botas, guantes…, ata a macheta). Baixei ó garaxe e vin as caiadas pousadas nunha cadeira, e a roupa de durmir dela.

(Si, señor xuíz, eu oíra falar do Macheteiro, sabía que esnaquizaba gardarraíles por Galicia adiante, dicían que era un moteiro tolo, e que nas revistas de motos o chamaban o Súperheroe, pero pouco máis, non se me ocorreu que puidera ser ela). Non lle dixen nada daquelo, pero decidín vixiala, ó fin e o cabo, pagábanme para ser responsable dela. (Non, señor, non dei conta á familia, non me parecía que tivera que darlles conta, crin que era unha excentricidade dunha muller tola pola morte do seu home). Decateime de que o té me durmía de máis, bebíallo e logo botábao sen que me vira (non, señor, non, bastábame con pensar nos mexillóns aqueles e xa ía todo fóra). Non saía tódalas noites, e agardei case un mes pola seguinte escapada. Sentina bicar algo sonoramente e pechar un caixón, baixou engorde, pero non en silencio, confiada nos efectos que me facía o bebedizo. En canto marchou na moto, entrei no seu cuarto. No primeiro caixón da mesiña non tiña máis que unha fotografía do San Francisco do Museo e outra dun cadro. Era unha pintura escura, dunha familia esfameada, mirando fixos e cabilantes, tristes cos ollos iguais, profundos, escuros. Agora creo recordar que algo me dixera daquel cadro e do home, que o coñecera fronte del ou algo así, non sei, foi hai tempo. E logo deume algo de medo. Había outras fotos que non eran máis que primeiros planos das anteriores, mans, ollos. Aínda así eu seguín buscando, e no caixón do fondo había unha carpeta sobada e desordeada, e entendín todo. (Si señor xuíz, xa me explico, se me permite voulle ler o recorte no que se vía a imaxe dun home de mirada profunda e escura…)

(é do 14 de Abril do 2002)

Tráxica morte do eminente arqueólogo Luís Pericot

O arqueólogo e historiador faleceu onte nun accidente de tráfico ó esvarar a motocicleta na que viaxaba.

Segundo testigos do sinistro, ó esvarar a motocicleta na curva de saída da autovía A6 á estrada da Fonsagrada, os dous ocupantes do vehículo saíron despedidos hacia a zona axardinada que rodea a saída. A conductora da motocicleta, R. S. T., de 20 anos de idade, saíu ilesa, mentres que o ilustre arqueólogo Luís Pericot García morreu ós poucos minutos, víctima das feridas.

O inspector Coira, encargado de levantar atestado do accidente, declarou ós medios: “aínda non temos claro que a causa do sinistro fose a mancha oleaxinosa detectada no tramo inicial da curva”

Ó preguntarlle pola mans amputadas do defunto, o inspector aclarou: “non podemos afirmar que a morte do suxeito fose consecuencia da amputación de ámbalas dúas mans, hai probas evidentes de que éstas foron seccionadas, pero non descartamos novas hipóteses, a investigación segue aberta”.

Minutos antes do peche da presente edición, na redacción foi recibido un fax dirixido a tódolos medios no que informa do peche da investigación resolvendo que “o sinistro foi debido a fallos humanos e a morte do señor Fonsanta foi consecuencia da hemofilia que padecía”. Sabemos que a demanda contencioso-administrativa que a familia presentou contra o organismo público a cargo da instalación dos gardaraíles foi desestimada por carecer de fundamento.

Manifestacións pola morte de Luís Pericot

A asociación “No a los guardarraíles”, encabezada por Andrés Pérez Rubio realizou un inmediato chamamento á mobilización en todo o Estado. Téñense previstas concentracións nas principais cidades o vindeiro domingo, onde haberá recollida de firmas para a eliminación dos denominados “quitamedos”. En contestación ás declaracións do presidente da N.G. nunha importante emisora de radio o Ministro de Fomento declarou: non é o asunto primordial para o Goberno, acabamos de aprobar un novo plan prever para que os cidadáns merquen automóbiles máis seguros e así reducir a siniestralidade. De tódolos xeitos temos previsto atender as demandas da N.G. iniciando conversas, pese a ser un colectivo minoritario”.

(Que qué fixen eu? Pois mire, señor xuíz, empecei aquela mesma noite o cadro de San Francisco que aínda colga na entrada da súa casa)

30/8/07

Epifanía: "señor Puig, póngame un quilo de alas"




Estes últimos días cadraron co trono e a lúa chea. Ás veces penso que nos tomariamos a vida con máis tranquilidade se recoñeceramos a importancia da nosa compoñente animal e biolóxica en xeral. As vacas e os gatos ventan o trono e póñense tolos, as fabas plántanse no menguante para que medren fortalecidas e a lúa chea marca o tempo das sementes e as colleitas. Xa hai ben anos que me decatei da influencia do trono no meu ánimo e da lúa chea no ánimo d@s demais (aínda non teño probas de que a min me afecte a lúa, pero supoño que tamén). O caso é que un ou dous días antes do trono, ando ca testa chea de hiperconsciencia e transcendencias varias. E teño que recoñecer que, a pesares da irascibilidade insoportable que me gasto nas horas previas ós raios e á choiva, o tempo de trono éme moi creativo e ocorrente.


O caso é que o venres fun “ferra-los dentes”, é dicir, cambia-las gomas da ortodoncia e premerlle un pouco os aramios. Fíxoseme algo tarde e fun comprar á volta, no supermercado aberto máis preto, algo fresquiño e de feitura rápida para xantar.


Agora é o momento de falarvos de Zapata e as epifanías de Joyce. Segundo Zapata, o meu profe de Literatura Inglesa da Facultade, unha epifanía era algo así como un momento eléctrico intranscendente no que sucedía un recoñecemento dalgo transcendental, unha compresión a nivel emocional e intelectual dalgo profundo (estoume lembrando agora de Proust e a magdalena do Tempo Perdido, do olor no taxi ás flores do Tibidabo e do leite condensado na casa da Mayte… outro día escribireivos sobre eso). En definitiva, unha epifanía ven sendo a consciencia dalgo trascendental provocada por unha circunstancia superficial, como una peza insignificante que remata un crebacabezas de trinta mil pezas.


A tipa que estaba diante de min na cola pedía moitas cousas, así que me deu tempo a “pasarlles unha visual” ós tarros das especias, por ver se me faltaba algunha na despensa. Pero aínda me sobrou tempo para observar ó carniceiro. Era un home rudo, cos dedos coma cañotos, pero coa cara afinada polo tempo, cunhes ollos verdes inmensos, tremendamente expresivos, que dicían: “buen rollito si, pero confianzas, as xustas”. Esto das casualidades é a monda. Miroume e deume medo. Entonces decateime de a quén se parecía. E entendín que me dera medo. Non me temblaron as pernas, porque tiña constancia da imposibilidade de que o señor Puig fose afeccionado a desguazar polos nos seus ratos libres.


Se vos lembrades da palla mental onírica aquela que deu tantas voltas e vos facedes cargo da miña situación actual, debedes ser pacientes e comprender que o señor Puig vaia a ser protagonista de moitas das miñas entradas do blog nunhes meses.


O caso é que o pobre do carniceiro, que a saber cómo interpretou a miña mirada “acongojada” (por non dicir outra cousa), me provocou pánico de tabatexar cando lle pedira un quilo de ás de polo. E empecei a repetir mentalmente “un quilo de ás de polo, por favor; un quilo de ás de polo, por favor; un quilo de ás de polo, por favor…”. Pero, na capacidade esa que din que temos de pensar dúas cousas a un tempo, eu dicíalle: “señor Puig, póngame un quilo de alas” e pensei logo se sería mellor que me puxera moitas ou dúas ben grandes…

19/8/07

Eva ou a beleza do ínfimo


Eva en espiral por Pablo Ibáñez de Lille
máis en http://www.flickr.com/photos/pabloibanezdelille/

Difícil es el mundo ciertos días en que alguien acaba un libro y es como si se le acabara la vida porque quiere quedarse a vivir allí para siempre y suena el teléfono y le chillan y dicen que el mundo es difícil ciertos días porque ella no está o está mirando o porque mira bajo y mira el suelo y en el suelo un charco es un océano que se cruza de un salto.


Esta é unha boa presentación para o blog de Eva. Ela escribe sobre a "roupa de diario", como diría miña Avuela. A trascendencia do ínfimo. A beleza do nimio.

O que Eva escribe e ti les, vai contigo para sempre. Cando eu a coñecín, no grupo de ecoloxía do instituto, tería 16 ou 17 anos. E xa era sabia daquela. Ler a Eva, ou escoitar un dos seus contos, é mamar un pouco da súa sabedoría. É chegar á casa pensando cun sorriso na boca. É apañar un regalo que che queda para sempre. Porque reflexiona sobre cómo se pon un pé diante do outro, sobre cómo se bebe un café, sobre cómo se da unha aperta, sobre cómo se respira. Se te enganchas a Eva escoitarás tódolos días alomenos unha das súas frases no teu cerebro. Un sorriso para seguir adiante.

Un día preguntoume se me gustaban as súas contadas. Eu expliqueille por qué. Porque con outr@s conteir@s, séntaste alí diante, disfrutas do seu virtuosismo na exposición, dun conto ben estructurado e botas catro risas e cinco gargalladas, vólveste para a casa e punto. Con Eva sáeche un sorriso de medio lado, porque xa estás pensando. E volves para a casa pensando. Porque por moi fantasioso ou alleo que puidera pretender o seu conto, estaba falando de ti. E levas o conto metido dentro para sempre.

Desfrutade desta muller: http://elarbolrojo.zoomblog.com/

14/8/07

química conversativa

Xa hai días que, na miña procura de paraísos obsesivos de evasión, empecei a ler todo canto me falta de Eduardo Mendoza. Onte pola noite estaba dando conta do seu Savolta (o estudio de en qué personaxe real pode estar baseado Savolta déixoo para momentos mellores), e dei con esta marabillosa reflexión sobre as conversas:
“Tampoco nuestras charlas derivaban en apasionadas polémicas, (...) esas acaloradas discusiones que ahora, en el recuerdo, acrecientan su importancia y se convierten en el símbolo nostálgico de mi vida en Barcelona. Con Lepprince la conversación era pausada e intimista, un intercambio sedante y no una pugna constructiva. Lepprince escuchaba y entendía y yo apreciaba esa cualidad por encima de todo. El mismo Serramadriles, que habría podido ser mi compañero idóneo, era demasiado simple, demasiado vacío: un buen compañero de farras, pero un pésimo conversador.”
Como vedes, Mendoza establece os tipos básicos de conversa que existen: as conversas de “pugna constructiva”; os “intercambios sedantes”, agradables pero intranscedentes; e as farras. Eu engadiría tamén as conversas que nos poñen de mala hostia, pero eso podémolo deixar para outro día.
Realmente, Mendoza expón tres tipos de conversadores, pero eu penso que son tres tipos de conversa. Entendédeme. Se ben cada persoa ten unha tendencia natural a un dos tipos (eu ben sabedes que disfruto da pugna), botai contas e decatarédesvos de que vivimos todas e cada unha delas, e que, aínda que as atribuamos a persoas concretas, nós posuímos nalgún momento un dos tres estados conversativos de Mendoza. E aquí é donde entra a miña teoría da química conversativa.
Obviamente, unha relación interpersoal, tanto se se estrea como se é diaria, depende, xa o sabemos, da confluencia de experiencias pasadas, necesidades presentes e expectativas futuras... e nese mapa tridimensional irreproducible por efecto das ínfimas fraccións temporais ás que se somete, surxe unha conversa.

Non me vou parar nos efectos da lúa chea sobre as conversas, é claro que a lúa inflúe nas experiencias coma nas mareas ou na semente das fabas. Tampouco me vou parar nas conversas dun mal día ou un mal momento. Eso elevaría exponencialmente o número de casos e non nos traería máis que divagacións superficiais e, probablemente, lembranzas desagradables.
Vou falar da xente que nos fai ben na conversa, dentro dos tres tipos de casos, igual de importantes e trascendentes aínda que pensemos que non. Refírome a esa xente que buscamos, aínda que non teñamos unha relación habitual, para que nos provoque un determinado efecto a súa conversa. Vexamos.

No primeiro tipo, o das “pugnas constructivas”, está claro que son conversas que nos aportan moito. Ás veces buscamos a Fulano ou Mengano, para que nos provoque unha catarse coa súa conversa, ás veces discusión. É a química conversativa agrícola que temos con alguén, é dicir, a de sementar para recoller. Se botades contas, e pensades en persoas concretas, habédevos decatar de que soe ser xente á que non vemos a miúdo, incluso que non nos atopamos nunca se non é para falar, que nos “frapa” (golpea en argot de Normandie) no máis fondo e nos sacha dentro. Por eso tamén é habitual que non a queiramos ver moi a miúdo! É a xente que nos desmonta durante unha hora ou dúas o que logo nos leva días ou meses reconstruír. @s que coñecedes a Gonzalo sabedes o que quero dicir. Destas conversas sóese saír co ceño fruncido e cavilando, e ás veces provocan decisións trascendentes.

No segundo tipo, o das conversas sedantes, eu inclúo todos aqueles encontros que plantan unha semente nova que non se identifica ata que medra. As conversas sedantes son aquelas que parten dunha intranscedencia, dun encontro casual ou de dúas persoas que non se coñecen moi ben e, seguramente, tampouco teñen especial interese en coñecerse. Parten da química conversativa forestal, é dicir, sementan espontaneamente, ás veces nace unha herba que murcha co primeiro sol e ás veces un carballo que vive ata que algún gilipollas especulador nolo vén talar para construír unha urbanización con piscina. O caso é que estas conversas son lembradas toda a vida, alomenos por un dos suxeitos, aínda que se lle olvide o nome d@ interlocutor/a (vénseme á cabeza agora unha conversa de cas e gatos con Luís de Xustás ou a do budista de Barcelona). Destas conversas sáese cun sorriso de momentánea felicidade, e soémonos decatar da súa importancia moito máis tarde, incluso anos despois.

Por último están as convesas “de farra”, que cumplen unha función non menos importante. É a química conversativa da rebusca que temos con algunha xente coa que só queremos botarnos unhas risas ou botar un baile (espero que a Marcelino non lle importe verse aquí reflectido), pero que teñen extrema importancia en determinados momentos da nosa vida (dixo Deco: “a orxía, no seu termo amplo, ten unha finalidade relixiosa, de participación telúrica, de sensación de pertenza a unha colectividade, de liberación”). Hai conversas de farra e barra, que tamén nos perseguen ó longo da vida, tamén irreproducibles, tamén trascendentais. A rebusca era o xeito que tiña de comer patacas e castañas as xentes sen terra de Galicia, ou de gañar uns cartiños cos cagallóns e o dentón cando a economía deixaba de ser de subsistencia. A química conversativa da rebusca vai tras do alimento básico, dinse moitas cousas durante a festa, realidades e verdades que agardamos que o alcohol borre da mente d@ interlocutor, pero que precisamos liberar, como comer a diario. Destas conversas sáese con falta de equilibrio e cos oídos zumbando ó deitarse, zumbando (se a inxesta non foi excesiva) verdades e liberdades.

3/8/07

Aínda non

Aí vos van fragmentos do poemario que levo tempo querendo publicar (hai máis de cinco anos xa que os parín), e que pensaba que ía ir desta volta se as cousas saían medianamente ben. Supoño que aínda non. Espero que vos gusten.


na miña adolescencia senlleira de Ossas e JJ-Cobas e Taru Rinne e iñotos campionatos de Europa e boas intencións

no réquiem que soñou María-Loris e que aínda non foi pero que ventei en cada ladrido daquela gorxa inmensa e que hoxe vento

nos veráns ardentíos en sestas secas por dedos inexpertos e pensamentos atronados de apocalise sen regar

na Susana metade de min que me aturas con noticias impresas e suscripción xusta: trinta inocencias mensuais por unha adolescencia ó día

naqueles estíos serodios pola tardiña cando catro pingoadas sementaban o po estéril da aira

no son cravado nas costelas do R-6 que chegaba contra a noite e sete truitas nunha fonte de porcelana cocada e os Satélites e un Ducados afogado no cemento

na auga que esvaraba de impotencia polas tempas e por nacer a deshora

fabriquei o pouso do que hoxe teño e hoxe son.

Á susana, a maría, ós avuelos… ó 91, principio do dereito a soñar


en ni adolescencia solitaria de Ossas e JJ-Cobas e Taru Rinne e ignotos campeonatos de Europa y buenas intenciones

en el réquiem que soñó María-Loris y que aún no ha sido pero que aventé en cada ladrido de aquella garganta inmensa y que hoy aviento

en los veranos ardientes en siestas secas por dedos inexpertos e pensamientos atronados de apocalipsis sin regar

en Susana mitad de mí que me soportas con noticias impresas y suscripción justa: treinta inocencias mensuales por una adolescencia al día

en aquellos estíos al atardecer cuando cuatro gotas sembraban el polvo estéril de la era

en el sonido clavado en las costillas del R-6 que llegaba hacia la noche y siete truchas en una fuente de porcelana mellada y los Satélites y un Ducados ahogado en el cemento

en el agua que resbalaba de impotencia por las mejillas e por haber nacido a deshora

fabriqué el poso do que hoy tengo y hoy soy.

A susana, a maría, a los abuelos… al 91, principio del derecho a soñar

___________________________________

En todo canto fago
coma unha catacumba aberta e pretérita
anegas todo coma o lidro
noxento e aloumiñante

boteite do peto das esencias sen esquecemento
pero agardaches agachado tras un electrón do hipotálamo
na espera de que os vixías da noite se enganchasen sexo a sexo

e voltaches
coa túa néboa co teu po branco que escurece todo

apagueite nas faíscas das buxías
a golpes arrítmicos de pistóns oxidados
limpei do carenado as túas marcas fendidas

e fuches aparecer
na auga da billa que me esperta
no canto da porta
na chave da luz acesa e pecha
nos versos alleos de Olga que me xunguen á tardiña
na volvedeira do xantar
e nos espellos

como unha parte de min irrenunciable sen volta.


En todo cuanto hago
como una catacumba abierta y pretérita
inundas todo como el líquen
asqueroso y acariciante

te eché del bolsillo de las esencias sin olvido
pero has aguardado agachado tras un electrón del hipotálamo
en la espera de que los vijías de la noche se enganchasen sexo a sexo

e has vuelto
con tu niebla con tu polvo blanco que oscurece todo

te apagué en las chispas de las bujías
a golpes arrítmicos de pistones oxidados
limpié del carenado tus marcas hendidas

y has tenido que aparecer
en el auga del grifo que me despierta
en el canto de la puerta
en la llave de la luz encendida y apagada
en los versos ajenos de Olga que me yunguen al atardecer
en la espumadera del almuerzo
y en los espejos

como una parte de mí irrenunciable sin vuelta.

___________________________________

medrei
e ti nunca soubeches dos meus orgasmos oníricos nin da cúpula dun carenado que se me cravaba entre as vértebras

roubeilles ás pedras o dereito a dicir tantas mentiras que escoitei tantas verdades que nunca me atrevín a berrar

os teus ollos gardan o xeito da terra triste cando se molla como outra ínfima bágoa que esvara ó tempo que lixas outra ínfima vea esnaquizada mil veces

trona e eu atrónome cos nosos soños compartidos e o fascismo noxento que os empurrou

bendígote por marchares e ogallá xa ninguén quede nesta ilusión murcha esfarelada neste baile de marcas mortas e cartos virtuais

bendígote por ladráresme por craváresme os dentes nestas pernas que hoxe só percorren distancias abarcables

___________________________________

chegaches
como o fluxo inocente e coa inocencia te fuches
pero xa non resta un óso enteiro no teu corpo nin unha parte soa sen veleno
"¡Si, hombre!", me dixeches e colgaches e agora eu fumo os campos todos e serenamente régome

e soño falos marciais veludos e loiras enormes como os rañaceos de Malasia e titiriteiros malintencionados que me perden e acosos benditos e impúdicos de comentaristas deportivos do asfalto

Kyalami debe ser un deserto
alí vin o teu deserto inexpresivo ventando a travesía do hermo

___________________________________

agardarei novas melodías de xenreira na túa crise dos corenta
cando xa non te aturen nos prostíbulos
e esgotes as existencias de prozac nas farmacias
e te ignoren nos psiquiátricos
e a túa semente estéril se confunda incontrolada coa neve que che taladra os ventrículos e teñas subido escalafóns na especulación inmobiliaria cos "huevos de oro"
e o tabique nasal de prata

25/7/07

tempo de perder

une es penedeix sempre al cap dels anys, quan ja no tei remei, de les passions que no es viuen

Maria Mercè Roca, Temps de perdre

os homes veñen no outono
o outono é noble como os homes que trae
inanna busca homes gato con ás
e aparécenlle paxaros
no outono


o ciclo é
e a casa morre en vegadas de xaula
todo murcha darredor e perde a cor
o home-gato síntese paxaro
os ollos baléiranselle no espacio sen area nin luz
e inanna recoñece o tempo de destecer
e venta soedades creadoras de medrar
e tamén venta calcetas de facerse e de facer


temps de perdre



Remedios Varo, Les feuilles mortes


Dicen que das derrotas se aprende. Como veredes, eu aínda non sei qué carallo aprendín, supoño que dentro dun tempo me darei conta, pero de momento creo que teño dereito (é o que me queda) a cagarme en todo e punto, e a lamentarme e pedir perdón, se cabe. Aí vos vai:

Avaricia

Escribín aquel poema antonte, inspirada pola pintura das Follas Mortas de Varo. E logo véuseme á cabeza o libro de Mercè Roca, e así o acabei e así lle dei título. E nada máis. Non tiña intención nin intuición de que este fose un tempo de perder. De feito aínda non o dei asumido.

Levaba tanto agardando as novas que xa me imaxinara en tódalas situacións posibles... menos a de “graduada con deshonor”. Sempre pasa. Imaxinas todo menos o que pasará realmente. A vida é así de bonita.

Dicíallelo ó Álvaro e ó Jairo onte. Estiano vivín cousas que me fixeron reflexionar sobre as miñas ilusións infantís. Eses soños que quedan para sempre e que reaparecen de cando en vez á fin (ou ó principio) dos ciclos vitais inevitables.

Sei que moit@s de vós vos estaredes preguntando qué me pasou, cómo tiven tan mal resultado, porque sabedes do meu aillamento case hermitaño, dos meus madrugóns, dos esforzos varios ós que me sometín e ós que sometín a tod@s cant@s me rodeaban, coñecedes os sacrificios destes dous anos e tamén as poucas escapadas que fixen á miña estancia no comer-traballar-dormir-estudiar, e cánto as disfrutaba. Pero esquencedes unha cousa, unha particularidade dos últimos tempos, impropia de min, e que eu penso que é causa de que esto non saíra ben: a avaricia… e rompeu o saco.

Supoño que esta característica (espero que momentánea) non é máis que unha consecuencia evolutiva doutra que si me é propia e que recoñeceredes en canto a mente: o orgullo [Machiño! esto parece, un acto de contricción de confesionario e estola]. Efectivamente, a miña puta manía de non querer axuda de ninguén, de non recoñecer os erros a tempo, de non asimilar as miñas limitacións, de non saber parar. O meu orgullo ferinte.

Mira Luís, nunca vou esquencer a bronca que me botaches aquela noite, nunca cha vou agredecer dabondo… e nunca me vou arrepentir o suficiente de non terche feito caso. Agora comprendo a agresividade coa que tratabas de impoñerme a túa postura. Tiven que ter parado antes. Moito antes. Parar e pecharme. Pecharme con bata e zapatillas, para non estar agora con bata e zapatillas lamentándome.

Sacrifiquei a familia, @s amig@s, a literatura e as motos. Durante dous anos apenas lin unha presa de libros que non cheiraran a gasolina (de coche, claro). Estaba tan cansa que ata me durmín nunha carreira de Pedrosa gañando. Non fun ó xantar de estreo da Casa Vella. Fixen dous recitais de lectura e atril, dos que tanto odiabamos en Celtia, nun infructuoso intento de sentirme lupe bao “a roxa” por unhes intres. Moit@s de vós vivides aquí ó lado e só sabedes de min por teléfono ou pola rede, ou porque algunha vez me viñestes ver á casa para rescatarme nunha cervexa de posta ó día.

Sacrifiquei moitas cousas, é verdade. Por non dicir que sacrifiquei todo o importante. Pero hai algo que non sacrifiquei: a carteira.

Gustábame moito o meu traballo do último ano. Só sei dar clase. Dádeme un tema e unhas horas para preparalo. Cría e cultivo do xampiñón? Vale, téñoo listo para mañá. En Aprevar ulía a motor por todas partes, e a evolución, e a revolución incluso. Cando non daba clase, pensaba e escribía. Podía ter a idea máis revolucionaria do mundo, sempre era ben recibida. E ás veces fun ó aeródromo co meu xefe e ensinoume cousas, da mecánica e da vida… e da mecánica da vida. Volvía á casa ás tantas da noite, espabilada como un rato e cun pico de sabiduría no peto.

E, por primeira vez na miña existencia, tiña un traballo estable… a miña primeira nómina ó borde dos trinta! Comprenderedes que Aprevar era case unha droga. Era unha droga. E aí está a avaricia. A avaricia de ter independencia ecónomica, si, pero non só eso. A avaricia de sentirme na elite. O privilexio de pensar e actuar libremente. Págaronvos algunha vez por pensar? E por soñar? A min si. A avaricia que rompeu o saco.

Todo o mundo cría, incluso eu, que o meu traballo era ideal para aprobar estas opos. Pero eu perdíame nas ilusións e no día a día. Esquencín os obxectivos. Perdínme nos medios como só eu o sei facer, como unha árbore que murcha as raíces de tanto alimentar de savia catro follas. E pasou o tempo. E no tempo de recoller, botei a vista abaixo e vin a terra herma. E foi o tempo de apurar, de sementar catro herbas mornas para roer nos brotes e non morrer de inanición. O tempo de perder.

Agora boto a vista atrás e vexo que non fixen ben a ninguén, e que a min me fixen mal, e que seguramente lle fixen mal a alguén tamén, coa miña ausencia… ou coa miña presencia.