5/12/09

Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentable das modificacións lexislativas que afectan ó libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, @s xornalistas, blogueir@s, usuari@s, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ó proxecto, e declaramos que ...

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, incluíndo o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e á liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é, e debe seguir sendo, unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza. Este anteproxecto, ó contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura, a potestade de poder impedir o acceso dos cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da nosa economía, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza ós novos creadores e dificulta a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industrias culturais, senón de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores, como todos os traballadores teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións. Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias dos traballos e na Internet non é posible sen violar os dereitos fundamentais, haberán de atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, cribles, accesibles e que atendan os novos usos sociais, en vez de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sindo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno asegure por lei a neutralidade da rede en España, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentable para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan os dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata de outro tema.