20/12/09

Wittgenstein


Me contaron que estabas enamorada de otro

y entonces me fui a mi cuarto
y escribí ese artículo contra el Gobierno
por el que estoy preso.
Epigramas, Ernesto Cardenal

Igual que Cardenal, cabréome por X, escribo sobre Y... e probablemente me prendan por eso


Xa levo unhes días que me da voltas pola cabeza este home. Repasei algunhes datos sobre a súa obra e algunhes outros sobre Russell e algunhas teorías máis da linguaxe.


A nosa cabeza garda traslumbres dos coñecementos adquiridos ó longo dos anos e non empregados a diario de dous xeitos: o modo inconsciente e a caricatura.

No modo inconsciente, estamos empregando eses coñecementos sen decatarnos e, problablemente, naqueles aspectos da vida nos que non esperabamos facelo. Eu decátome, moi de vez en cando, de que nas conversas e na docencia me afecta Wittgenstein, en moitos casos o meu cerebro preocúpase máis de cómo digo algo para que se entenda ben que dese algo que digo. Nos meus tempos na vida pública cheguei a sentirme traidora a pesares de non mentir nunca, sabía que a maior parte dos meus interlocutores acaban sucumbindo ás miñas verbas porque carecían deses coñecentos sobre a linguaxe cos que eu manipulaba as conversas. Cando deixei a política, unha das miñas "autopromesas" foi a de nunca volver empregar aquelas artes para o meu propio beneficio e, na actualidade, prácticamente só as emprego na resolución de conflictos alleos e, sempre que poido, coas cartas á vista.

No modo caricaturesco, gardamos eses coñecementos como unha lembranza infantil, como un debuxo bidimensional de cores planas e básicas, como unha palabra no noso índice mental. Sabemos que un día, fai tempo, aprendemos aquelo, resúltanos familiar, sabemos que non puido desaparecer completamente do noso cerebro e, nese anceio de recuperalo, tratamos de recompoñer os camiños que nos leven a lembralo, coma un cubo de rubik de neuronas estúpidas. Sobra dicir que a maior parte de nós fracasamos no intento. No meu caso, gustaríame saber por qué non gardo as reflexións de Wittgenstein nese primeiro caixón donde me atopo cada dous por tres co rosario en latín ou cos usos das luces de néboa ("niebla densa, lluvia intensa, nubes de humo y polvo, copiosa nevada").

Na miña teima rosseauniana e inxenua (recoñézoo, pero non me importa que ós demais lles desagrade) de que hai moitos malos actos pero poucas malas persoas e unha inxente cantidade de ignorancias e infelicidades autoinducidas, imaxínome a resolución dun conflicto sen victimismos nin esmolas vitais, sen concepcións preconcebidas do "outro", sen posicionamentos iniciais, sen fins esquilmando medios...e conclúo, SEI SEMPRE, con maiúsculas, que ese conflicto, sexa cal sexa, se resolvería.

Logo a min chamaránme inxenua, incluso infantil, e haberá quen afirme que son "boa persoa" só por eso (como algo negativo, preocupante e penoso) e oirei "camisas de once varas", "avogada de causas perdidas", "en tódolos saraos" e outras tantas frases refraneiras e simplistas coas que se desprecian os actos alleos ocultando a covardía propia. O que me gustaría saber é se xulgarían do mesmo xeito a Wittgenstein ou a Russell (igual si, porque non dirixen ningún equipo de fútbol).

Na maior parte dos conflictos cos que me atopo, eu non teño nada que perder. Por eso non son violenta e digo o que penso sen pensar o que digo e, aínda que procuro non ofender, ás veces ofendo (pero na maior parte dos casos, quen se sinte ofendido pola miña sinceridade, non me supón respecto). E tamén por eso, porque non teño nada que perder, me resulta triste que me chamen inxenua, ou inexperta ou que aludan a unha certa ignorancia miña de sabe dios qué cuestión para escuda-la súa ausencia de argumentos cos que rebaterme ou para evitar poñer sobre a mesa a verdadeira motivación do conflicto. Se queredes saber cal é o meu punto de vista sobre esta xente, lembrádevos de "libertaria".

Ante esa casca eu non podo facer nada. Calar e, a poder ser non escoitar, para seguir gárdandolle respecto a quen me vén con falacias... normalmente non o consigo, pero sérveme para rañar nos debuxos planos da miña memoria unha lembranza sobre Wittgenstein e subila ó primeiro caixón das miñas neuronas. Ó final vou empezar a sentirme parte beneficiaria do conflicto por algo máis que pola roupa salpicada de zurro que metín onte na lavadora.

5/12/09

Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentable das modificacións lexislativas que afectan ó libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, @s xornalistas, blogueir@s, usuari@s, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ó proxecto, e declaramos que ...

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, incluíndo o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e á liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é, e debe seguir sendo, unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza. Este anteproxecto, ó contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura, a potestade de poder impedir o acceso dos cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da nosa economía, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza ós novos creadores e dificulta a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industrias culturais, senón de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores, como todos os traballadores teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións. Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias dos traballos e na Internet non é posible sen violar os dereitos fundamentais, haberán de atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, cribles, accesibles e que atendan os novos usos sociais, en vez de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sindo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno asegure por lei a neutralidade da rede en España, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentable para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan os dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata de outro tema.

10/9/09

teño unha sorpresa




Agora xa non digo "teño unha sorpresa" cando me atopo con alguén que supostamente me coñece ou que supostamente se alegraría de que eu cumprira o único soño material que tiña desde nena. Non o fago porque a sorpresa á que apuntan todos non é a sorpresa que eu quixera levar. Son esas pequenas cousas que me demostran que a miña intimidade está a bo recaudo ("intimidade": moitos saben moito de ti, pero poucos te coñecen un pouco). Vamos, que agora digo "teño unha moto" e evito decepcións nas miñas expectativas e nas dos demais. Fun consciente de que sempre se decepcionan expectivas o día que alguén moi próximo me insinuou que formarme despois do bacharelato era un xeito de vaguear e evita-lo traballo.




Cando estabamos na Facultade gustábanos pedir un café a soas nun bar e abri-lo caderno para escribir (ou apuntar nunha servilleta, mesmamente).

Daquela, creo, sentiamos a necesidade, nunca expresa por suposto (eramos "parias de la tierra"), de amosa-lo noso virtuoso don do discurso e a palabra a todas horas e en calquera oportunidade, en particular entre a vulgar plebe (repito, nunca recoñecido expresamente) á que pretendiamos dirixirnos a modo de bard@s.

Agora decátome de como, cos anos, sometín a miña verba ó decoro do diálogo empático. Agora penso que aquela pose sibarita e pouco menos que pedante non era máis que unha careta do complexo de inadaptación social, dunha segreda vergoña de ser diferentes.

É agora cando me dou conta de que non necesito disfrazarme do que son (e moito menos do que non son) e disimulo neste bar cun libro aberto coma unha estudiante máis das academias que proliferan nesta avenida.

Probablemente este sexa o momento perfecto. A quén lle importa se cos meus trinta anos prefiro mercar unha motocicleta que un carricoche, se emprego os motores dos que vivo como escusa poética para non renunciar a ningún espello de min, se prefiro a danza impúdica con saias curtísimas a unha hipoteca de seguridades impostas, se prefiro sachar hortas alleas a inaugurar balados propios como mexadas territoriais de cans.

Hoxe é o momento perfecto. O de non ensinar a ninguén máis que polo xusto xornal, de non ser máis nin menos nin diferente nin igual, de acompañar libremente ó meu compañeiro libre, así queira ficar ou marchar. Quén me vai dicir, quén me vai soprar... nada máis que un aire ceibe que me torne da calor que xa non me pode abafar (♫).

Agora que ningún momento é lene nin desprezable, que cada minuto é un fin en si mesmo, unha conversa cun veciño de viño e feira igual que unha conferencia de Peter Brook, unha canción comercial nun pub cos ollos da Mónica do outro lado do vidro igual que a melodía máis absoluta de Mahler, unha loita coas curvas do Cebreiro igual que unha escalada a Notre Dame.

21/5/09

Taru e a discriminación positiva

Esta é unha entrada que escribín na rede de Cabozo (que por certo vos recomendo) sobre Taru Rinne, é breve pero intensa. Perdonai a inxente cantidade de sutilezas verbais que adornan o texto (Curra, non me reñas, é que hoxe levanteime moi Puig)


Taru Rinne

Taru é, ata o momento, a mellor pilota da historia das motos. Corría con moi poucos medios, pero daquela, aínda se podían ter bos resultados así. A súa carreira rematou cando Míster Ecclestone de los Coj. lle enviou unha carta, mentres estaba lesionada, decíndolle que a botaba do mundial porque non conviña que estivera alí (así como te lo cuento)... algunhes pilotos sentían encollemento de huevos e escozor anal cando esta tía se lles poñía por diante; lembro particularmente o caso de Míster Aspar, que se tirou encima da moto coma un tolo cando viu que Taru lle arrebatara a pole.

Actualmente hai campionatos de mulleres, o que me ten tanta lóxica como as listas paritarias e demais insultos de discriminación positiva, tendo en conta que no motociclismo de velocidade (o trial, por exemplo, é outra historia), contan máis a intelixencia, a habilidade e o valor que o músculo. Pero claro, sucede o mesmo que coa paridade, mellor que as femias compitamos entre nós, así entretéñennos comendo migaxas mentres eles ostentan o poder real alardeando de bandeiras pseudo progresistas e esgrimindo un respecto hipócrita que, pola miña parte, poderían meter polo "oasis no deserto".

6/3/09

libertaria

Lady Godiva, John Collier
só preciso a miña felicidade e a liberdade de todos
por iso hai veces que non podo dicir publicamente o que penso
porque atenta contra as construccións vitais de pseudofelicidade dalgunhes
e contra todos aqueles que se proclaman adalides da liberdade
por eso non podo dicir publicamente que as cuotas femininas me parecen unha degradación hipócrita das nosas capacidades
e que cada un fale na lingua que lle pete, sempre e cando non lle digan ós demais en qué teñen que falar
porque, entonces, diríanme, ti non eres feminista
porque entonces, diríanme, ti non eres galeguista
e logo situaríanme "no outro bando"
(e caería na estúpida trampa de xustificarme... aínda que tente evitalo, caio moitas veces)
porque a xente para vivir precisa simplificar o mundo en dicotomías
un adolescente maduro é o que logra discernir entre as dicotomías que os adultos se impuxeron hai séculos para madurar
é máis fácil catalogar que respectar
dividir a humanidade en navetas clasificadas que comprender os porqués dunha soa persoa
as dicotomías clasificatorias son cómodas e seguras

cando tiña dazaseis anos, cría na dictadura do proletariado
cando tiña dazaoito, os meus amigos comunistas desprezaban a miña militancia socialista
cando tiña vinte, estaba exiliada na Bretaña dos insultos dos que se sentían á miña dereita, dos desprecios dos que se sentían á miña esquerda e da miña propia incómoda presencia ante aqueles que murmuraban "xa cambiará"

e cambiei.
volvínme libertaria, porque libre non sei se o darei sido nunca
e se alguén me pregunta cal é agora a miña ideoloxía, direi que libertaria, e entonces han quedar pensando
porque non hai ningún partido político, ningunha asociación, ningunha causa
que se declare libertaria unicamente
pero saberán
que se me impoñen a min por diante de outros
irán contra a miña "ideoloxía"
que se impoñen algo meu a outros
irán contra a miña "ideoloxía"
que se impoñen, simplemente,
irán contra min

e eu non hei ir contreles
só escribirei o que me pete, donde me pete e cando me pete