4/1/16

de vacas e libros e boas influencias



Galicia en fotografías de Ramón Dimas. Carlos Martínez-Barbeito. Ediciones Destino, Barcelona, 1957.

A Maricarmen era maior. Maior para a Mónica e para min, que teriamos oito ou nove anos menos ca ela. 
Daquela a adolescencia da aldea era gardar as vacas e adolescencia da capital, estudar. Pero a Maricarmen tinha moito espabilamento desde nena e logo descubriu que a vara para guiar as vacas só lle ocupaba unha man, así que na outra ceibe carrexaba os libros. E sabía que nas leiras sempre había haber un chanto ou un carballo no que apoiar o lombo e ler o mundo todo mentres pacían as vacas.
No saber da Madrinha había unha lóxica irrefutable: se garda das vacas, garda das pequenas. Así que, se a Maricarmen estaba na leira do lado, deixábanos saltar os chantos e ir canda ela "xogar". Non lembro as conversas, lembro que era responsable e paciente con nós, e que os libros estaban ó seu carón sempre.
A Maricarmen foi unha das poucas persoas da súa xeración que fixo carreira. Suponho que terá consciencia de que o seu pracer pola lectura influíu en que a súa filla acabase estudando medicina. O que seguramente non sabe é que tamén influíu en min. 

Nós eramos pobres. Non pasabamos fame pero non tinhamos cartos máis que para o básico. Minha mai sempre atopaba unhas pesetas para libros, era básico. Así naceu a nosa biblioteca, empezou na Loyma de volta do colexio cos libros que ía xuntando minha mai, coas pesetinhas que ía xuntando para mercalos. E o meu insomnio infantil fixo que logo pasara dos meus libros ós dela.

Agora todo o mundo vai á praia e as leiras ó lado do río están inzadas de silvas. Daquela iamos ó Neira ou ó Garulas a xantar e banharnos. A Mayte, a moza de meu Padrinho era coma unha superestrela para min. Tomaba o sol no Garulas coas outras rapazas e lembro ter ido cabo dela simplemente a admirala. Na súa bolsa nunca faltaba, un frasco de crema de cenoria e un libro. Non me fai falta pechar os ollos para lembrala deitada cun bañador azul, aquelas pernas longas e un libro nas mans facéndolle sombra sobre as pencas da cara.

Tódalas mulleres novas que estaban darredor de min tinhan un libro na man. A Maricarmen lía gardando as vacas, minha mai, ó se deitar, a Mayte tomando o sol. Se boto contas dos meus primeiros anos, ó alcance da minha vista non había rapaza sen libro nin libro sen rapaza.