2/12/19

Espiral da historia

Espiral da historia


A historia é unha espiral, sempre cara adiante desde o punto de vista da punta do lapis, pero, desde o punto de vista do demiúrgo que a debuxa, ás veces cara abaixo, ás veces cara arriba, ás veces cara a dereita, ás veces cara a esquerda. 
 
Cando á punta do lapis da historia se lle ocorreu mirar quen a guiaba, empezou a se decatar de que o demiúrgo aquel estaba alimentado por caldos sociais máis ou menos quentes, máis ou menos evidentes, e comezou a observar o trazo abandonado á súa beira anos ou séculos antes. A punta do lapis empezou a sonhar con non se repetir nos pesadelos.

E aquí estamos hoxe, coa punta do lapis declarada en rebeldía, na espiral cara o punto cardinal máis inhumano, co demiúrgo en enchente de caldo podre. Ese caldo podre e cheirento que non entendemos como dá tragado, ese demiúrgo que descomponhemos, escagarrizado e fedorento, á morte de tanto noxo, equidistante ó ben e ó mal, equilibrado só polas pulsións que o sentan cada noite no escritorio a debuxar tremeroso a espiral triste do medo e o terror que lle ditamos agora.