21/7/08

memoria de Monforte (I)

Teño moitos asuntos pendentes co último mes: a traducción-despedida de Pirsig que lles prometín ós meus alumnos e o ata logo de Vilalba, a bandeira contra os gardarraís que levaba Pedrosa, o éxito épico de Abel nas opos... pero os meus días en Monforte úrxenme dun xeito case visceral, non creo que vos dea transmitido o que sentín, pero quizais consiga contaxiarvos minimamente aquelas sensacións coas notas reelaboradas do meu caderno-memoria (ese que debe roubarme quen me queira facer mal de verdade). Necesitaba aquel encontro como o aire, e son consciente de que naqueles días respirei a pleno pulmón. Hoxe todo aquelo xa parece un soño longo deses que che fan cambiar por dentro ou retomar o que perderas no camiño.

Celta

A semana anterior metín no bolso algúns poemas da Pessarrodona e aquel microdiccionario de catalán que comprara con Bea en Barcelona, para irme reafacendo á lingua durante as esperas das opos. No traxecto a Monforte viñen escoitando música de Ja t’ho diré e Adriá Punti para lembrar os seus sons. Así que hoxe non era o “gran” día: ó chegar á casa da cultura (tarde, porque me perdín, como en tódolos inicios das grandes viaxes), pensaba máis no reencontro coa Unión Libre e co catalán, que no programa que me agardaba nesta xornada.

Meg Bateman soaba a Arwen e volveu noite fresca a mañá do sol do Sur. Fíxome agatuñar polas escaleiras á beira da estrada que ela describía na parálise do tempo xeolóxico. Falounos timidamente do sentir distinto en cada lingua, dou fe de que é verdade, por eso hai veces que non sabemos chamar algunha cousa máis que cunha soa palabra, incluso nunha lingua que nos sexa allea (por eso eu lle chamo “batimón” a calquera edificio grande, triste e feo, como sentín en Breizh a vista do meu primeiro bâtiment). E falou das tumbas na Illa de Skye, dos vellos que levaban con eles a súa lingua en extinción e o universo todo que ficaba morto debaixo dunha lousa.

Fun xantar soa. Estaba contenta de estar soa. Tiña todo o tempo do mundo para pensar no que este tempo e este mundo non me deixan pensar. Atravesaba as rúas de pedra coma se nacese un trevo en cada pegada, e cos ollos altos mirando cada edificio coma se me fose alleo, aquela costume que collín en Lugo o verán do meu retorno bretón. Alegreime de que Alberto non puidera vir xantar, igual que me alegrei de puidera vir tomar o café despois, igual que me alegrei de tódalas cousas que me pasaban e igual que me podía ter alegrado do que non me pasou. Estaba igual alegre, simplemente.

Nolwenn Korbell trouxo as avoas na lingua, verdade universal que eu xa aprendera da Madriña que fala engorde, e non a modiño, que pide unha cousa que se viva, e non o suficiente. Nolwenn ía namorándonos coa nosa total consciencia mentres sinalaba no aire coa man cada un dos cabos da Bretaña en cada momento que mentaba Breizh, alumeaba en cada faro e apertaba a terra toda que quedaba dentro daquel marco. De cando en vez eu vía a Sonia: música, teatro e a pintura que elas son en presencia simplemente. E por suposto vía a Terra Cha bretoa que teño pendente co meu chairego… e apareceu a consciencia da maxia daquela sala, na que cada ollo e cada orella eran a lente dun proxector de imaxes novas e vellas.

Soïg Sibéril pousou a música para o canto bretón de Nolwenn, que xa estabamos agardando con impaciencia desde dúas horas antes, tempo que aproveitei para parir unha unidade didáctica de Xestión Electrónica Diésel (a cal por certo me caeu na encerrona, foi a primeira bola e xa non necesitaba máis, sabía que fora construída coa ilusión daquel primeiro día). Estaba case en front row, non quería perderme nin un só xesto, enormemente impresionada por aquela muller e por tódalas mulleres e homes que trouxera canda ela. Ó saír presentouma Carmen, o meu francés voara e non souben disimular a súa ausencia, nin as palabras máis básicas (cando levaba toda aquela tarde pensando en francés)… coñezo ese síntomas: a nena tímida e calada que fun un día do que apenas teño acordo (e pouca xente que o acredite) vén de cando en vez a atarme a lingua e saírme polos ollos, antes resultábame molesta, inoportuna sempre, pero agora sei o que quere dicirme cando aparece e case pido por ela a diario.

1 comentari:

eva ha dit...

yo nací en monforte :p