21/12/08

...no debieras tratar de volver

Non sei cómo cheguei ata aquí.
O primeiro que recordo foi a Álex Sampayo, pero supoño que algo antes me levou ata el. Poida que, ó ser tan cedo, se dispuxeran en rea os mecanismos inconscientes da miña caixa forte. Pode que fora consecuencia da semana que pasei en Compostela facendo plans de reencontros varios, ou a voz familiar e aloumiñante de Ricardo do outro lado do teléfono, ou as fantasmas que se me atravesaban na rúa mollada do Atlántico á beira do Jandro indiano máis apresurado do mundo, ou poida que fora Marcial, o conserxe do meu novo instituto, cargado de arte por compartir, que cada día me aguilloa cunha nova inquedanza dun tempo meu que xa non é pero que el me devolve.

O caso é que Sampayo (xa vos digo que non lembro nada antes) me levou a Marcos e Marcos a unha páxina na rede chea de nomes e caras arremuiñándose en recordos dóces e inconexos.
Din que o roce fai o cariño, pero o tempo e a distancia narcotizan os antigos encontros, alivian as antigas frustracións e tornan lenes tódolos rencores. Desto falo sempre cando alguén me pregunta por Pepe Blanco. E este é o único sentimento afín a tódalas miñas lembranzas. Un "qué máis da, se xa pasou" (..."agora xa foi, Marica non chores").
E foi bonito todo aquelo... que non quixera revivir nunca. Non sei cómo fixen o que fixen daquela. Agora seméllame tan alleo, tan borroso, como se non o tivese vivido eu mesma. E, ó tempo, tan nítido e tan íntimo, como se me tivese marcado para sempre. En todo caso, estivo ben.
Probablemente, esa neblina que rodea aquel tempo é a que esta mañá, mentres todos durmen, empurra a miña busca de antigas sensacións.

Parei nos Magical Brothers. Nun vidro escachado de susto no Clavi e a sensación pegañenta do gintonic verquido nos xeonllos. Os meus xeonllos teñen vida propia en según qué circunstancias.
Todos aqueles cruces de camiños, aquelas conversas de química forestal involuntaria, aquelas personaxes paralelas que eu creaba nos regresos baleiros de Compostela quedan aí, gardadas na caixa forte dun recanto do cerebro por non seren escritos (ou non seren ben escritos), para días coma este, no que a néboa e a xeada as aclaran á vista e as quentan, en contra de todo prognóstico meteorolóxico.
É curioso como o tempo e a distancia agudizan os sentidos secundarios e a xente que pasou se volve olfato, tacto e gusto. Neste intre lembro o cheiro a fritanga dun bar no que quedamos a Mónica, Jorge, Luís e eu; o tacto pegañento aquel da tónica e a xenebra na mesa de mármore do Clavi (consecuencia dun deses meus infrecuentes e incómodos arrebatos de timidez); o sabor a humidade do alfanjor arxentino do Chimichurri pedíndome escapar de Juanma a Corme.
Non teño ningunha excusa para o reencontro. Por sorte con algunhes non me fai falta, por eso quixen empezar por Ricardo, el sempre me fai sentir ben. Fai uns anos, intentei esto mesmo e foi un fracaso incómodo. E cando a única motivación é intentar algo, ínzame o corpo unha extraña perguiza, neste caso, acompañada da voz de Alberto cantándome a Sabina: "al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver", que de paso trae a colación (nunca me gustou esa palabra) un poema de Félix Grande que vou traducir, por ver se me aclara algo mentres o destripo.
Teño seis meses por diante e sesenta quilómetros, sempre tempo e espacio, para decidir se facerlle caso a Alberto ou arriscarme coma sempre.

Para non variar, acto seguido desta palla mental, apareceu o Jandro coa Casualidade da man a modo de páxina: flocos.TV, recoméndovola. A min fáltanme algunhes títulos aínda pero espero que vaian chegando. Mentres, aí vos deixo O Matachín:



ou tamén...

MOFA E BEFA FOREVER!!!

2 comentaris:

Fernando ha dit...

uff..siento que escribas en galego porque no lo entiendo bien..bueno un abrazo.

Fitinho ha dit...

k grande o curto.