19/7/10

apertas varias

Tiña esta entrada gardada e, como non teño ganas de falar de cousas desagradables máis actuais e que tamén teño pendentes, decidín publicala mentres a perspectiva do tempo non me dá unha visión máis optimista destes últimos meses.

Teño colgadas no taboleiro algunhas frases de optimismo consciente que me enviou o Benxamín xa hai tempo. Hai dous motivos polos que as imprimín e as colguei para ergue-la vista dos apuntes e velas xusto diante de min: un é obvio, o ben que me sentan, e o outro, que están escritas en catalá e así non esquezo o pouco que sei ata que por fin teña unhas clases decentes. Benxamín é unha especei de Tomás Meabe babélico, nos nosos encontros virtuais podo escribir na lingua que me pete, que el sempre a entende.
Hoxe déronme os ollos nunha frase que fala sobre as apertas: No deixis passar l'oportunitat d'abraçar en qualsevol moment i amb qualsevol excusa els qui estimes.

Argallando na cabeza, coas neuronas lúdicas que ceibo por momentos no tempo de estudio, e máis coas cardioneuronas (termo que acuñei con Luís estes días a conto doutra historia), decateime dun proceso recurrente nos momentos laborais de benvida ou despedida. Levo xa unhes cantos anos presentándome e despedíndome de centro en centro por Galicia adiante. Son unha chea de personalidades únicas nos seus momentos concretos interacionando coa miña propia no seu propio momento.

A pesar da miña expresividade, eu non son fisicamente afectiva. Quen me coñece sabe que só dou unha aperta cando me sae desde o fondo da alma e con extrema incontinencia (ou cando me obrigan, pero esas non contan), desto teño reflexionado moito coa Carmen Tirabicos.

Logo están os bicos. En principio os bicos semellan ser síntoma de máis intimidade que as apertas, por aquelo do contacto de partes máis sensibles e da posibilidade de rastros de babas... eso sen contar co perigo de que poidan ser dados ou recibidos en partes da cara que non estaban previstas. Pero hoxe son un rito estúpido, formalizado, un desprazamento lateral de cabezas, sincrónico e repetitivo... mágoa!

Decididamente, sinto que nunca lle dou a ninguén o que merece. Nas despedidas, recorro unha nube de xente descoñecida que me bica e á que bico nun proceso rítmico e baleiro; con sorte, no medio de todo ese ritual, igual hai alguén que daría ou recibiría un bico sentido, pero a inercia do propio protocolo impide esta posibilidade. Nalgunha ocasión marchei sen o bico de quen tería apertado de boa gana por tempo ilimitado, o tempo que nese intre penso que a cardioneurona correspondente precisa para graba-la sensación de calor do outro corpo.

Teño algunhas apertas que lembro e que espero non esquecer nunca. Unha delas, moi recente, disfruteina nun encontro casual cunha exalumna; non teño gardado o recordo dos ollos de Nerea polo bonitos que son, que tamén, senón por cómo saca a través deles todo o seu espírito, aquela aperta foi semellante á súa mirada, cálida e chea de vida. Outra aperta de fai miles de anos que espero gardar por outros miles, foi unha de Gonzalo en Ramón Ferreiro: viña desde lonxe, con toda a inmensidade dos seus brazos aberta, e sentín que xa me estaba apertando a tres metros; sen nin siquiera pecha-los ollos, podo velo vir hacia min agora mesmo coma daquela. A aperta máis extraña que recibín na miña vida foi a de Charly; supónse que era eu a que tiña que tocalo de cando en vez para dar crédito de telo enfronte, en cambio foi el, ó que sempre considerei superficial, distante e desafecto, o que me tocaba os brazos de cando en vez, como para saber que realmente eu estaba alí, e o que me apertou na despedida coma un neno perdido nun parque de atraccións.

Pero as apertas que máis lembro son as que non dei. Esas lévoas marcadas no lombo como latigazos das mans que nunca alí chegaron a tocar. Ás veces aperto cos ollos. Gustaríame saber que @s que aperto dese xeito sinten as mans dos meus ollos. Cando volvín ás Mercedes, logo de cinco anos dando voltas polo mundo adiante, temía o encontro cun par de persoas. Temía que se me escapasen as apertas, que alguén se sentira disciminado ou que os apertados se sentiran violentados pola miña mostra excesiva de cariño. Teño a sorte de ser fría, en xeral, nas miñas mostras de afecto, así que fixen un saúdo democrático e igualitario de bicos lateralizados... a igualdade nunca é equidade. Fun inxusta con todos e comigo mesma, e gardei aquelas apertas para momentos mellores que nunca chegaron xunto cun milleiro de agradecementos que nunca dei.

Fai unhes días, gardeime outro par de apertas, unha heina dar fixo, sexa como sexa, porque ten que ser e ha ser... a outra... non sei, non sei, igual despois das miñas mostras de frialdade non queira ser recibida. Perdón a ambos polo meu distanciamento, sabedes os meus motivos e sabedes que non é real.

Espero, como os católicos agardan o seu Xuízo Final, o meu momento da Xustiza Afectiva, sexa con bicos, con apertas ou de palabra. Aqueles que me tedes por unha persoa sincera e extrovertida, que saibades que estades equivocados e que, tristemente, me gardo moitas apertas que terían que ser dadas.

8 comentaris:

A erótica das palabras ha dit...

A túa entrada de hoxe acabame de emocionar inevitablemente... a min persiguenme mostras de afectividade pendentes dende vai un tempo que me angustian por momentos... ^^ un abrazo:)

lupe ha dit...

Pois estoume plantexando facer "limpeza afectiva" e toma-la xustiza pola man... podiamos montar un festival de apertas pendentes!!

Anònim ha dit...

Xa había algún un tempo que non me paseaba por estas congostras... e ó ler isto só podo dicir que, no hipotético caso de estar incluído nesta catarse emotiva (suma presunción) e sen pretensións ofensivas, pido a exención... ha ha

saúdos,
vmb

lupe ha dit...

Non te preocupes, que contigo xa sei que non fai falta!! pero se notas que che dou unha aperta visual, fastídiaste, que desas non podes escapar

Anònim ha dit...

Terei que levar un espello a man; a protección é o primeiro... ha ha
... pero tendo en conta a miña escasa capacidade de percepción do entorno probablemente nin me daría conta.


vmb

lupe ha dit...

explícame o do espello... só é unha aperta, ninguén chucha o sangue nunha aperta, como moito corta momentaneamente a circulación

vmb ha dit...

un espello para reflexar a aperta visual... ha ha, desvaríos meus...
De tódolos xeitos tamén vou dicir que as apertas visuais non me molestan (bueno, eso creo... porque estou partindo do caso de que puidera chegar a detectalas... ha ha)


vmb

Nervo R. ha dit...

as apertas que non se dan son as que sempre recordamos. iso é verdade.