Vaia, ho, por algún lado tiña que saír o asunto...
Unha das cousas que máis pracer me producen, como boa atlántica que son, é comer. E se como na casa de meus pais un domingo a contos e viño, aínda máis. O caso é que antonte, xantando, tiven unha dor horrible na xunta da mandíbula. Non podía comer, nin case falar. Tomei un analxésico e deiteime, pero nada, pola tarde volvía estar aí. Hoxe fun ó médico. Aí non hai nada. Díxome que era unha contractura e que só me podía dar relaxantes musculares que me ían dar sono... e eu apureime a soltar un non rotundo. Creo que se decatou inmediatamente sen que eu lle tivera que explicar máis e díxome con ton ameazante: pois vaite relaxando.
Hai dous motivos para a miña contractura. Unha é a contención verbal e outra a cara de mala hostia que se me queda por mor dela. Obviamente o meu rictus facial está variado. Supoño que eso afecta a tódolos músculos da cabeza. Eu non son persoa de gargallar, de feito non creo que haxa xente que lembre o son do meu riso, pero sempre sorrío. Faime ben a min e, polo que me teñen dito, á xente que me cruzo pola rúa ou polos corredores.
Ese mesmo día pola noite, apareceron Abel e Viviana pola casa de meus pais e quedaron a cear. Viviana é unha medicina que debería cubri-la Seguridade Social. O único que ten que facer é estar. A súa sinceridade absoluta ten o don de curar. Na súa conversa, as traxedias e os pecados máis inconfesables do ser humano adquiren un tinte de cantiga de escarnio da maior calidade literaria e filosófica que teña visto. Moitas das súas frases quedan na nosa memoria coma unha especie de rosario liberador. Son coma mantras, provocan imaxes mentais traxicómicas ó tempo que se reproducen as súas palabras na boca de calquera. Se digo "carracho peideiro" ou "xa o di a palabra: un porco é un cocho", por poñer un par de exemplos, río a esgalla... e de paso sírveme para lembra-lo son do meu riso. Cando repito un dos seus mantras mentalmente, parece que non hai nada no mundo que poida mancarme... igual debería cambia-lo Símbolo Puig polo Símbolo Viviana e levar algo seu no peto que me manque, en lugar do reloxo na dereita, para lembrame.
O domingo pola noite, no medio dunha gargallada colectiva a conto dun conto da Viviana, meu pai soltou: "mira, xa non lle doe nin pra rirse". Meu pai ten o don (ou a desgracia) da hiperconsciencia. Efectivamente, abrín a boca unhas cantas veces para emitir un par de risotadas guturais, desas que suben á cabeza desde o dedo gordo do pé esquerdo, e alivióseme a dor. Non hai pílula, inxección ou supositorio máis efectivo que Viviana.
Estiano, para as opos, tocábame facer unha camiseta de JJCobas (cada ano fago unha). Pero igual a fago cunha frase da Viviana. Heino pensar detidamente. Polo ben da miña saúde e a paciencia dos que teño darredor.
2 comentaris:
Eu voto, se se pode, pola de "xa o di a palabra: un porco é un cocho".
Sorrir está ben, rir é mellor, rir ás gargalladas non só é terapéutico senón que libera un montón de adrenalina e, sobre todo, de palabras. Porque o que non é nada bo é a contención (nin verbal nin de ningún tipo), xa cho din os teus músculos ;)
Pasei, e deixei pegada. Quédame moito por descubrir, pero neste eu tamén marcho rindo.
Um beijinho duma colega de turma
pois eu prefiro a de "carracho peideiro" desde que me decatei do seu efecto, repítoa coma un mantra antes de entrar nun sitio desagradable ou ó ver a algunha persoa en potencia de mancarme... funciona!! (e a persoa en cuestión síntese regalada cun sorriso sincero... e éo!!)
Publica un comentari a l'entrada