3/10/07

Non ós gardarraíles



Dado o pouco tempo que teño estes días, aí vos vai, en espera da entrada sobre o grupo do Museo, o relato (íntegro) que escribín para o espectáculo. Ás/ós que non o coñecedes, espero que vos guste a miña incursión na prosa literaria:


A Macheteira

Señor xuíz, eu sei quen é o Macheteiro dos gardarraíles. Xa hai anos que o sei, pero a comprensión que sinto por esta muller (si, si, señor xuíz, é unha muller) e os motivos que a levaron a iniciar esta loita solitaria contra as coitelas da estrada, fixéronme ficar calada todo este tempo. Se quere pode implicarme como encubridora, e sen arrepentimento: se esta muller non estivera ó borde da morte, eu habería encubrila o resto dos meus días… ó fin e ó cabo, salva moitas vidas que a administración á que vostede pertence pon en perigo cos seus gardarraíles baratos e asasinos (non, señor, desculpe, non pretendo faltarlle ó respecto, non volverá pasar, perdoe).

O meu oficio real é o de pintora, pero por asegurarme o pan, aceptei este traballo en San Cibrao, coidando dunha velliña por encargo da familia dela. Supostamente, a familia encargárame vivir na súa casa porque ela non podía valerse por sí, e que así estaban máis tranquilos …tranquilos, sí, porque non viñeron a vela máis que catro veces contadas en cinco anos (si, señor xuíz, desculpe, non se ofenda pola miña retranca, intentarei ser máis obxectiva). Díxéranme que non falaba moito desde que lle morrera o home nun accidente de tráfico. (Efectivamente, señor xuíz, era Luís Pericot, o arqueólogo adscrito ó Museo do Mar) Tamén era historiador. E músico. Tocaba o piano coas mans de San Francisco, dicía ela. As mans do San Francisco aquel de madeira das escaleiras do Museo de Lugo (Coñéceo vostede, señor xuíz?) Ela dicía que eran as mesmiñas mans do San Francisco. As mans. (Si, señor xuíz, ela conducía).

(Non señor, ó principio eu non sabía por qué non a internaban nun xeriátrico) Pero logo decateime. Andaba arrastrando os pés detrás daquelas dúas caiadas, e tiña a cara enrugada como unha pataca vella. Pero non era vella. Ó pouco de ir vivir eu alí, vina núa saído do cuarto de baño. Ela quedou rexa, como se a sorprendera nun grande secreto. E saía sen caiadas e máis ergueita. (Si, señor xuíz, eu calculo que non tería moito máis de corenta anos). Eu fixen coma se nada. Tomei o té que ela me preparaba con cariño tódalas noites desde o primeiro día, eu… coma se non pasara nada. (si, señor xuíz, estaba impedida e non tocaba a cociña, pero facíame aquel té tan saboroso, porque dicía que daba un sono de anxos… e abofé que era verdade, porque nunca tan seguido nin tan ben durmín na miña vida como na súa casa). E non volvín pensar naquelo ata uns meses despois, por culpa dunhes mexillóns en mal estado.

Non entendín nada cando espertei aquela noite. Sentáranme mal os mexillóns e vomitara, con perdón, a cea e máis o té, antes de ir á cama. (Non señor, non lle dixen nada para non preocupala). Quedei durmida, pero espabiloume o ruído dun motor no garaxe, pensei que viñeran rouba-la moto aquela vella que había alí tapada. E vin pola fiestra alguén enfundado nun mono cunha macheta ás costas. (Si, señor xuíz, coincido coa descripción da policía, todo branco, casco, mono, botas, guantes…, ata a macheta). Baixei ó garaxe e vin as caiadas pousadas nunha cadeira, e a roupa de durmir dela.

(Si, señor xuíz, eu oíra falar do Macheteiro, sabía que esnaquizaba gardarraíles por Galicia adiante, dicían que era un moteiro tolo, e que nas revistas de motos o chamaban o Súperheroe, pero pouco máis, non se me ocorreu que puidera ser ela). Non lle dixen nada daquelo, pero decidín vixiala, ó fin e o cabo, pagábanme para ser responsable dela. (Non, señor, non dei conta á familia, non me parecía que tivera que darlles conta, crin que era unha excentricidade dunha muller tola pola morte do seu home). Decateime de que o té me durmía de máis, bebíallo e logo botábao sen que me vira (non, señor, non, bastábame con pensar nos mexillóns aqueles e xa ía todo fóra). Non saía tódalas noites, e agardei case un mes pola seguinte escapada. Sentina bicar algo sonoramente e pechar un caixón, baixou engorde, pero non en silencio, confiada nos efectos que me facía o bebedizo. En canto marchou na moto, entrei no seu cuarto. No primeiro caixón da mesiña non tiña máis que unha fotografía do San Francisco do Museo e outra dun cadro. Era unha pintura escura, dunha familia esfameada, mirando fixos e cabilantes, tristes cos ollos iguais, profundos, escuros. Agora creo recordar que algo me dixera daquel cadro e do home, que o coñecera fronte del ou algo así, non sei, foi hai tempo. E logo deume algo de medo. Había outras fotos que non eran máis que primeiros planos das anteriores, mans, ollos. Aínda así eu seguín buscando, e no caixón do fondo había unha carpeta sobada e desordeada, e entendín todo. (Si señor xuíz, xa me explico, se me permite voulle ler o recorte no que se vía a imaxe dun home de mirada profunda e escura…)

(é do 14 de Abril do 2002)

Tráxica morte do eminente arqueólogo Luís Pericot

O arqueólogo e historiador faleceu onte nun accidente de tráfico ó esvarar a motocicleta na que viaxaba.

Segundo testigos do sinistro, ó esvarar a motocicleta na curva de saída da autovía A6 á estrada da Fonsagrada, os dous ocupantes do vehículo saíron despedidos hacia a zona axardinada que rodea a saída. A conductora da motocicleta, R. S. T., de 20 anos de idade, saíu ilesa, mentres que o ilustre arqueólogo Luís Pericot García morreu ós poucos minutos, víctima das feridas.

O inspector Coira, encargado de levantar atestado do accidente, declarou ós medios: “aínda non temos claro que a causa do sinistro fose a mancha oleaxinosa detectada no tramo inicial da curva”

Ó preguntarlle pola mans amputadas do defunto, o inspector aclarou: “non podemos afirmar que a morte do suxeito fose consecuencia da amputación de ámbalas dúas mans, hai probas evidentes de que éstas foron seccionadas, pero non descartamos novas hipóteses, a investigación segue aberta”.

Minutos antes do peche da presente edición, na redacción foi recibido un fax dirixido a tódolos medios no que informa do peche da investigación resolvendo que “o sinistro foi debido a fallos humanos e a morte do señor Fonsanta foi consecuencia da hemofilia que padecía”. Sabemos que a demanda contencioso-administrativa que a familia presentou contra o organismo público a cargo da instalación dos gardaraíles foi desestimada por carecer de fundamento.

Manifestacións pola morte de Luís Pericot

A asociación “No a los guardarraíles”, encabezada por Andrés Pérez Rubio realizou un inmediato chamamento á mobilización en todo o Estado. Téñense previstas concentracións nas principais cidades o vindeiro domingo, onde haberá recollida de firmas para a eliminación dos denominados “quitamedos”. En contestación ás declaracións do presidente da N.G. nunha importante emisora de radio o Ministro de Fomento declarou: non é o asunto primordial para o Goberno, acabamos de aprobar un novo plan prever para que os cidadáns merquen automóbiles máis seguros e así reducir a siniestralidade. De tódolos xeitos temos previsto atender as demandas da N.G. iniciando conversas, pese a ser un colectivo minoritario”.

(Que qué fixen eu? Pois mire, señor xuíz, empecei aquela mesma noite o cadro de San Francisco que aínda colga na entrada da súa casa)

1 comentari:

VMB ha dit...

Vendo o texto escrito xa entendo porque Rubén o quería máis reducido (parece que debe de ser algo longo para unha lectura pseudoteatral). Aínda así teño que dicir que está ben.